Ao longo das últimas semanas arranxáronse distintos problemas derivados do escaso illamento térmico e acadouse unha maior eficiencia enerxética do inmoble. O investimento total ascendeu a 40.000 €  

Os alumnos, alumnas e profesorado da escola municipal de música de Ordes xa se benefician da remodelación levada a cabo na instalación. En total investíronse 40.000 € cos que se solucionaron os problemas derivados do deficiente illamento térmico e da instalación eléctrica e de alumeado dimensionada de maneira incorrecta. 

     O proxecto incluíu labores de desmontaxe de portas e de cerramento de fachada a base de chapa de aceiro prelacado, substitución completa do sistema eléctrico e dos seus mecanismos, así como dos elementos de alumeado por downlights encastrados en falso teito con sistema LED. Tamén se procedeu coa sinalización de elementos contra incendios e vías de evacuación, ademais da substitución de luminarias de emerxencia por outras de tipo LED. Todo isto en prol de acadar un alto nivel de eficiencia enerxética no inmoble situado no Campo da Feira.

     Sen dúbida unha das intervencións máis notables foi a instalación de paneis ríxidos de polistireno fixado con morteiro para o illamento térmico de todo o edificio. Aplicóuselle tamén un revestimento exterior de morteiro acrílico sobre imprimación, pintura nos paramentos e a instalación de novas portas de saída laterais elaboradas en pvc.
    
    Nas próximas actuacións contempladas de cara a un futuro polo Goberno local, contémplanse a climatización interior de todas as aulas, o cambio das carpinterías, e a substitución da actual cuberta de chapa por outra de panel.

     A Xunta de Galicia, en base ao Fondo de Compensación Ambiental, subvencionou o 80% (32.000 €) desta obra.

Finalizan as obras de mellora da Escola Municipal de Música