Ordes celebra por primeira vez o Día do Deporte
Terá lugar este sábado no Campo da Feira durante toda a mañá. A participación será gratuíta e aberta para todas as persoas que o desexen
O Concello de Ordes ultima detalles para celebrar este vindeiro sábado, 1 de setembro, e por primeira vez o Día do Deporte. O lugar escollido para esta celebracións é o Campo da Feira, e desenvolverase dende as 10 ata as 14 horas (en caso de chuvia trasladarase ao pavillón Campomaior). Poderán participar todas as persoas que o desexen, de maneira totalmente gratuíta e sen necesidade de inscribirse previamente
A través desta iniciativa poderanse practicar, ampliar coñecementos e obter información ou experimentar a práctica das seguintes modalidades deportivas: Aikido, taekwondo, atletismo, tiro con arco, tenis, fútbol, fútbol sala, orientación, ciclismo de montaña (BTT), patinaxe artística e hóckey a patíns. Ademais tamén terán a oportunidade de recibir agasallos e entrar no sorteo de material deportivo sempre que cheguen a completar o circuíto de actividades previsto pola organización, o cal pasa por cada unha das áreas reservadas a cada deporte. Para participar deberá recollerse un cupón na zona de organización ese mesmo día.
A maiores o grupo de aikido e os equipos de taekwondo e patinaxe artística teñen preparadas exhibicións para dar a coñecer o seu traballo ás 11, 12 e 13 horas.
Para a posta en marcha desta xornada o Departamento de Deportes do Concello conta coa colaboración de Sportec. Tamén co apoio dos seguintes clubs: Club Patinaxe Galia, Club Atletismo Ordes, Jogafán F.S., Boud-Sport Club de Taekwondo, Asociación de Taekwondistas da Comarca de Ordes, Sociedade Deportiva Club Órdenes, A.C. Órdenes, Club SEO, Adarve e a Asociación Enfeitizados.