D. Manuel Lois García
D. Manuel Lois García. (Ordes, 1912 – Alxer, 1937).
En 1936 ingresa no Grupo das Forzas de Infantería da Mariña en Ferrol no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do canón 4. A comezos do mes de setembro de 1937 iníciase un ataque contra unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartaxena e Alacante, composta por 4 vapores, 2 cruceiros e 7 destrutores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia que contén proxectís iluminadores, esbourando un deles. Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior, o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navío D. Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir a dita caixa, sendo o ‘Soldado Lois’ o primeiro en asumir o requirimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. Un acto heroico que salvou a vida dos seus compañeiros.
Ese día Manuel Lois García falecía na enfermaría do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. En Ordes a Corporación Municipal acordou en sesión plenaria con data do 29 de marzo de 1988 concederlle o título de fillo predilecto e a medalla de ouro da vila.
En xuño de 1965 os restos do ‘Soldado Lois’ foron trasladados á vila de Ordes, onde foron recibidos con altos honores por parte das autoridades da época e pola veciñanza. Dende entón repousa no cemiterio do Piñeiro na tumba mausoleo construída para tal fin. Cada 1 de novembro celébrase unha misa homenaxe con ofrenda floral na que participan integrantes e mandos do corpo de Infantería da Mariña de Ferrol. Na súa memoria tamén se levantou un monumento na alameda situada no centro da vila e que leva o seu nome.