Será emitido en directo a través de Internet. Ademais do alcalde de Ordes ao acto tamén asistirán o xefe territorial de Educación e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  

O IES Maruxa Mallo levará a cabo este vindeiro venres, 13 de maio, o lanzamento da súa primeira sonda espacial estratosférica. O acto, ao que están convocados aqueles medios de comunicación que o queiran cubrir, terá lugar no mesmo centro ás 10.45 horas. Profesorado, alumnado e cadro directivo estarán acompañados por José Luís Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes; Susana García, concelleira de Educación do Concello de Ordes; Indalecio Cabana, xefe territorial de Educación na Coruña e Jesús Oitavén Barcala, secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

     ‘Marumasat. Cos pés no chan  e os ollos nas estrelas’ é o primeiro proxecto educativo-científico destas características levado a cabo pola comunidade educativa da comarca. Dende hai meses lévase traballado arreo para construír a dita sonda e proceder co seu lanzamento cun globo de helio a máis de 30.000 metros de altura. 

     Entre os propósitos máis inmediatos figuran a recollida de datos científicos sobre a atmosfera e gravar o ascenso. Dende hai meses xa está instalada unha caseta meteorolóxica para a recollida de datos atmosféricos, labor para o que contan coa colaboración de compañeiros e compañeiras do primeiro curso. 
     
     Para dar a coñecer o proxecto e facilitarlle á veciñanza o seu seguimento téñense creadas varias plataformas dixitais en Facebook (Maruma Sat) e Instagram (@marumasat). Tamén se ten publicado o blog marumasat.blogs.sapo.pt no que se ofrece información e datos de maneira exhaustiva sobre o proxecto, ademais dun vídeo promocional e de presentación a través de Youtube (https://www.youtube.com/watch?v=mSNOgTiFQXM). No caso de querer establecer comunicación directa  cos participantes desta iniciativa habilitouse o seguinte correo electrónico: marumasat.ordes@gmail.com. Aquelas persoas que desexen ver en directo o lanzamento poderán facelo mediante a aplicación Periscope, tendo un acceso directo a través de  través do Twitter @marumasat.

Colaboración veciñal e institucional      
Ademais, tamén se levou a cabo unha campaña de captación de fondos destinados á adquisición do material preciso para a construción da dita sonda. Unha iniciativa que contou cunha resposta altamente satisfactoria por parte do comercio local e de moitos particulares, o que garante a continuidade do proxecto. Pola súa banda, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tamén contribuíu economicamente cunha axuda de 1.500 €.

     Para complementar todo o proceso de aprendizaxe tamén se visitou o observatorio astronómico de Forcarei e o centro de MeteoGalicia. Charlas e conferencias sobre astronomía e temáticas relacionadas, como a ofrecida polo investigador da USC Pedro Pablo Campos,  complementan o programa desenvolvido ata o día de hoxe. 

     Como é habitual o Concello de Ordes vén de confirmar a súa colaboración directa cunha  iniciativa académica desta índole. Un apoio que se levará a cabo nas áreas de comunicación, loxística e financiamento para darlle a maior repercusión posible. Así se acordou tras a xuntanza mantida no seu día coa concelleira de Educación, Susana García.