spacer
Recoñecemento á traxectoria de David Santos Domínguez

O alcalde e a edil de Deportes de Ordes recibírono hoxe no mesmo Concello. O xoven atleta ordense é un dos máximos referentes a nivel autonómico e unha das figuras con maior proxección dentro do panorama nacional

Esta mañá o alcalde de Ordes e a concelleira de Deportes, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, recibiron no salón de plenos ao atleta David Santos Domínguez. A pesar da súa corta idade trátase dun dos deportistas máis notables e con maior proxección do municipio, que a día de hoxe forma parte da selección galega de cros.

     No acto desta mañá contou cun público de excepción, os seus familiares máis directos e a súa moza, así como os país de Iván Raña, un dos máximos referentes para David Santos. Nas súas propias palabras recoñeceu “estar moi agradecido por este recoñecemento ao seu traballo e esforzo” e asegurou o seu compromiso por “seguir paseando o nome de Ordes alá por onde vaia”.

     Pola súa banda o rexedor Ordense reafirmouse no seu compromiso de axudar e dotar aos deportistas locais de axudas económicas “para que poidan seguir adiante coa súa carreira”. Dita medida confía “en que sexa unha realidade no 2018 tras a aprobación dos orzamentos municipais”. Martínez Sanjurjo aproveitou a ocasión para avanzar a creación dun espacio propio para os deportistas ordenses na web local onde, por suposto, non faltará David Santos. Por parte de Ana Soneira manifestou abertamente estar “abraiada” coa última actuación de David Santos na XXII Carreira Popular Concello de Ordes na que rematou na proba en primeira posición cunha gran ventaxa sobre o segundo. A responsable da área de Deportes lembroulle que “o Concello de Ordes é a túa casa e que sempre que queiras ou nos precises aquí nos tes”.

Recoñecemento á traxectoria de David Santos Domínguez

Abultado palmarés

 Entre os méritos alcanzados por Davis Santos figuran: Campión galego de Cros Promesa dous anos consecutivos, campión galego de 5 km ruta (Curtis), tres veces consecutivas campión da Carreira Popular Concello de Ordes, terceiro clasificado Campionato Galego Cros Absoluto (Monforte), segundo clasificado Cros Corto Absoluto (Friol). Tamén vinte veces campión de carreiras populares absolutas, ademais de rematar en posicións destacadas en competicións como o Campionato de Galicia 10 km, Maratón A Coruña, Carreira Popular Maratón A Coruña, Carreira Pedestre de Santiago, Campionato de España de Fondo de Pista e Campionato de España de Campo a Través.