spacer
Homenaxe á S.D. Sta Cruz de Montaos

José Luis Martínez Sanjurjo, Ana Soneira e José Manuel Mira compartiron un acto cos integrantes, cadro técnico e directiva do equipo local recentemente ascendido a segunda autonómica

Esta mañá xogadores, cadro directivo e corpo técnico da S.D. Santa Cruz de Montaos acudiron ao Concello de Ordes, onde foron recibidos polo alcalde e a edil de Deportes, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira. Tampouco faltou José Manuel Mira, concelleiro de Cultura e natural da parroquia de Montaos.
     Deste xeito brindóuselle unha merecida homenaxe tras o gran traballo levado a cabo a tempada padada, na que resultaron campións do seu grupo. Isto lles supuxo o seu ascenso inmediato e indiscutible a segunda autonómica. Neste encontro, que tivo como escenario o salón de plenos do antigo consistorio, houbo momentos para recordar anécdotas acontecidas sobre o terreo de xogo e das que o rexedor tivo ocasión de ser testemuña como espectador. Martínez Sanjurjo non se esqueceu de facer referencia aos compromisos adquiridos polo Concello “con este gran equipo” e asegurou que estes “faranse realidade en pouco tempo”. Por último agradeceulles o seu traballo e animounos “a seguir sudando, xogando e disfrutando” do xeito que o veñen facendo ata o de agora.

Homenaxe á S.D. Sta Cruz de Montaos

   Por parte do adestrador José Manuel González, tamén houbo palabras para todos os xogadores “por estes cinco anos que levo aquí e dos que me sinto moi orgulloso”. Gonzalo Seoane, capitán do equipo, arengou aos seus compañeiros e pediulles continuar “sudando a camiseta, saír cansados do campo e loitar por novas vitorias”. Tanto o presidente da entidade, José Manuel Álvarez, como unha representación de toda a aliñación tiveron palabras de agradecemento ao Concello de Ordes “por estes dous anos de colaboración e axuda”. Por último a responsable de Deportes, Ana Soneira, emprazou a todos os presentes neste día a volver a xuntarse a vindeira tempada, eso si, “con máis títulos”. Tamén lles lembrou unha vez máis “que terán abertas as portas do Concello” sempre que o precisen.