Terá lugar na alameda o vindeiro 10 de setembro como parte do programa de actos conmemorativos polo 80 aniversario do pasamento do Soldado Lois
O Concello de Ordes lembra a todos os seus veciños e veciñas que o vindeiro venres, 1 de setembro, conclúe o prazo para poder inscribirse na xura de bandeira civil que terá lugar o próximo 10 de setembro ás 12 horas, e que forma parte do programa de conmemoración do 80 aniversario do pasamento do Soldado Lois. Previamente, ás 10.45 horas, oficiarase unha misa solemne na igrexa parroquial de Santa María de Ordes. En todos estes actos está confirmada a presenza do Terzo Norte da Infantería de Mariña de Ferrol. 
     O lugar escollido para a xura de bandeira será a alameda que, precisamente, leva o nome do heroe local finado en acto de servizo, recoñecido posteriormente como fillo predilecto do Concello de Ordes e da provincia da Coruña. Tamén lle foi outorgada a Medalla Naval, así como a Cruz Laureada de San Fernando, máxima condecoración militar. Ademais de gaiteiros o acto contará coa actuación da Banda de Música do Terzo Norte.
     Todas aquelas persoas que queiran xurar bandeira deberán cubrir unha instancia con todos os seus datos persoais e os dos dous acompañantes que poderán levar. Ambos os documentos deberán ser entregados no mesmo Concello de Ordes, sendo imprescindible achegar unha copia do DNI. Tamén poderán facelo a través do correo electrónico correo@ordes.gal indicando no asunto XURA DE BANDEIRA. Para facerse cos formularios poderanse descargar dende a mesma páxina web do Concello (www.ordes.gal), dende o Facebook do Concello ou ben recollelos na casa consistorial.