O investimento nestas melloras aproxímase aos 30.000 euros. O incremento da intensidade luminosa da instalación permitirá un aforro enerxético

O Concello de Ordes continúa coas obras de mellora das súas instalacións deportivas. Nesta ocasión hai que destacar un investimento de 26.300 euros para o cambio de lucernarios no pavillón Castelao I, tanto na zona de cuberta como nos laterais.
Con isto vese notablemente mellorada a condición luminosa ao instalarse novos paneis translúcidos, ademais de evitarse problemas de filtracións de auga debido ao estado de deterioración pronunciada que presentaba. Cómpre sinalar que o pavillón Castelao I é un dos inmobles deportivos máis importantes de titularidade municipal,  o cal é empregado de xeito habitual por centenares de usuarios e usuarias. Para facerse unha idea da actividade que se rexistra basta con indicar que se trata do lugar de adestramento e de competición para os integrantes do Club AC Órdenes entre outros. 
     Non é a única mellora levada a cabo nas últimas semanas neste espazo, xa que tamén se procedeu co cambio da caldeira, na que se investiron outros 3000 euros máis. 
     “Unha das prioridades deste goberno é facilitar a práctica de deporte entre os nosos veciños e veciñas”, explica Ana Soneira, edil de Deportes. “Neste caso os arranxos levados nas cubertas permitirá un aforro no consumo de enerxía eléctrica, xa que non será preciso ter que facer uso dos sistemas de iluminación durante tanto tempo” asegura a edil. 

Cambio de lucernarios e nova caldeira para o Castelao I