A Mancomunidade de Ordes rexistrou case un centenar de solicitudes para formar parte desta iniciativa formativa que se desenvolve no ámbito laboral. Os concellos da comarca aportarán fondos propios para poder ampliar o número de asistentes. Ordes sorteará as 25 prazas que ten habilitadas o vindeiro xoves 
 
Deseña o teu futura supera este ano todas as espectativas. O interese amosado polos mozos e mozas de entre 14 e 18 anos da comarca fai deste programa unha das iniciativas máis destacables dentro do eido laboral e formativo. En total hai que falar de case un centenar de solicitudes para poder visitar e desempeñar funcións en empresas e entidades públicas ou privadas durante catro horas diarias ao longo de quince días. 

    Co fin de dar unha resposta satisfactoria ante a demanda rexistrada case a totalidade dos concellos subvencionarán máis prazas das que se lles outorgaran nun principio, en base á partida orzamentaria da Consellería de Política Social. O Concello que máis suma neste aspecto é o de Ordes, sufragando 20 persoas a maiores (25 en total), seguido de Mesía e Oroso con 3 cada un (4 e 7 en total respectivamente) e Frades con 1 (3 en total). Pola súa banda en Cerceda e Trazo participan cunha persoa, mentres que Tordoia o fai con dúas. Carpintería metálica e de madeira, automoción, panadería, sector lácteo, deporte, seguridade, hostalaría, industria madeireira, agricultura ou administración son algunha das áreas nas que se teñen rexistradas as solicitudes. Dende a Mancomunidade quérese comezar o antes posible co desenvolvemento destas prácticas, polo que non se descarta que as primeiras xornadas teñan lugar xa na última semana de xulio.

       Con esta medida quérese apoiar a formación da mocidade para que adquiran coñecementos e habilidades que axuden a completar o seu desenvolvemento tanto persoal como  profesional. Facilítase así un primeiro contacto co ámbito laboral no seu contorno máis inmediato. As persoas participantes percibirán unha dieta diaria de 6 €, ademais de ter cubertos os gastos derivados da organización ou participación nas actividades. 

Sorteo en directo
A singularidade que presenta o caso de Ordes, con case 70 solicitudes, fai que dende o Concello se opte por sortear as prazas para ofrecer unha igualdade de oportunidades a todas e todos os que queren formar parte do programa. O sorteo terá lugar o vindeiro xoves, 20 de xullo, ás 13 horas nos baixos da alameda, e será transmitido en directo pola rede social Facebook. Quen o desexe tamén poderá seguilo presencialmente.