Os mozos e mozas entre 14 e 18 anos interesados en participar deberán apuntarse entre o 26 de xuño e o 7 de xullo nas oficinas situadas nos baixos da alameda

A partir do vindeiro luns, 26 de  xuño, e ata o 7 de xullo a Mancomunidade de Ordes manterá aberto o prazo para inscribirse no programa Deseñando o teu futuro. Trátase dunha iniciativa formativa na que poderán participar 30 mozos e mozas de 14 a 18 anos de idade, que permite visitar e desempeñar funcións en empresas e entidades públicas ou privadas durante catro horas diarias ao longo de quince días. 
O trámite poderase levar a cabo ben nas oficinas situadas nos baixos da alameda de Ordes ou ben a través do teléfono 981680002. Deste xeito quérese apoiar a formación da mocidade para que adquiran coñecementos e habilidades que axuden a completar o seu desenvolvemento tanto persoal como  profesional. Con este obxectivo prioritario facilítase un primeiro contacto co ámbito laboral no seu contorno máis inmediato. As persoas participantes percibirán unha dieta diaria de 6 €, ademais de ter cubertos os gastos derivados da organización ou participación nas actividades.
A Mancomunidade de Ordes xa participou nesta iniciativa cuns resultados altamente satisfactorios tanto por parte das firmas e entidades como das persoas participantes. Todas e todos eles tiveron a oportunidade de adquirir experiencia laboral e coñecementos relacionados con: carpintería metálica e de madeira, automoción, panadería, sector lácteo, hostalaría, industria madeireira, agricultura e administración.