Acción de Verán

A Consellería de Política Social ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal moi diversas: de carácter cultural, ambiental, deportivo, de tempo libre, de voluntariado... que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o seu enriquecemento persoal e vital.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pretende facer realidade este obxectivo a través da Campaña de verán 2017.

Así mesmo, en aplicación do principio de transversalidade das políticas en materia de discapacidade e co obxectivo de que a inclusión social sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre toda a mocidade, na presente Campaña de verán, as mozas e mozos galegos con discapacidadeen función das limitacións que presenten, poderán decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión.

A Campaña de verán está composta por diferentes áreas de participación, que se desenvolven nos meses de xullo e agosto, tanto en Galicia coma noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

ÁREAS DE PARTICIPACIÓN

CAMPAMENTOS

Son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais.
As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo e agosto.
Podes escoller o campamento que queiras en función da túa idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades de diversa temática en función do campamento (náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao o Camiño de Santiago, científica, agrícola...) Só tes que animarte a participar!

CAMPOS DE TRABALLO

Os campos de traballo son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e o seu contorno, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países, baixo o patrocinio, control ou organización de entidades e organismos oficiais, asociacións xuvenís, culturais, humanitarias etc.