A axencia espacial galega escolar bota a andar en Ordes
Máis de 150 estudantes de varios institutos da provincia déronse cita para manter a primeira xuntanza organizativa, onde o alumnado do Maruxa Mallo compartiu a súa experiencia do proxecto MarumaSat. Cos pés no chan e os ollos nas estrelas, embrión desta nova iniciativa científico-académica
Máis de 150 estudantes de secundaria dos institutos Miraflores (Oleiros), Marcos do Camballón (Vila de Cruces), e Maruxa Mallo (Ordes) reuníronse esta mañá na Casa da Cultura de Ordes para levar a cabo a primeira sesión de cara á constitución da axencia espacial galega escolar, que por votación popular pasará a chamarse NOSA.
O programa de hoxe arrancou coa presentación do que pretende ser a primeira iniciativa destas características a nivel académico, e que toma como punto de partida o proxecto MarumaSat. Cos pés no chan e os ollos nas estrelas. Este supuxo o lanzamento dunha sonda espacial construída por alumnado do instituto ordense para recadar datos científicos para a súa posterior análise.
Posteriormente os integrantes de cada unha das comisións que formaron parte do proxecto explicaron ante todas e todos os presentes a metodoloxía de traballo levada a cabo. En total foron sete os grupos participantes referentes ás áreas de comunicación, meteoroloxía, científica, económica, de deseño e audiovisual.
Mostra temática
Tamén se organizou unha mostra na que profesorado, alumnado e público asistente puideron ver os elementos cos que se traballou o pasado curso para levar a cabo o proxecto MarumaSat, o cal contou co financiamento de comercios e establecementos de todo tipo do municipio, así como por parte do Concello de Ordes e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Entre as persoas que non faltaron á cita de hoxe estiveron as concelleiras de Educación e Medio Ambiente de Ordes, Susana García e Ana Soneira.