Audio do pleno

O título foille concedido no día do 213 aniversario da súa partida dende a Coruña coa expedición Balmis, o que lle valería o recoñecemento como primeira enfermeira da historia en misión mundial segundo a OMS

Xustamente no día no que se cumpre o 213 aniversario da partida dende a Coruña da chamada expedición  Balmis para a distribución da vacina da varíola por distintos lugares do mundo, o Pleno de Ordes concédelle de maneira unánime o título de filla predilecta a Isabel Zendal Gómez. Esta veciña da parroquia de Parada está considerada pola Organización Mundial da Saúde como a primeira enfermeira da historia en participar nunha expedición mundial. Foi precisamente un 30 de novembro cando a corveta María Pita partía da Coruña para levar a cabo tan importante misión, e que supuxo a salvación para un número incalculable de persoas de lugares como  América, Filipinas, Portugal ou Indonesia, entre outros. 

     O rexedor ordense, José Luis Martínez Sanjurjo, anuncio a intención de bautizar o futuro centro social polivalente co nome de Isabel Zendal. Pola súa banda, a voceira Susana García felicitou e agradeceu “ás persoas que levan traballando nesta iniciativa, especialmente Silvia Marín e Verónica Gómez. Ambas foron as instrutoras do expediente de nomeamento que se leva realizado dende que, por iniciativa de Xesús Pedreira, o PSOE presentara en xaneiro de 2015 a moción que solicitaba o outorgamento do título.

    Na orde do día tamén se contemplaba a solicitude á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da escola unitaria de Merelle para usos e servizos de carácter local, proposta que foi apoiada por todos os grupos. O mesmo apoio se amosou na ordenación do núcleo situado na igrexa de Vilamaior, dando resposta así a un trámite necesario para continuar coa construción do cemiterio desta zona.

Municipalización de servizos
No transcurso da sesión o BNG propuxo a municipalización do servizo de mantemento de colexios, pavillóns e campos de fútbol; limpeza da casa da cultura, Concello e edificios municipais así como a do servizo de guindastre, entre outros. Na súa moción, que non foi aprobada, os nacionalistas reclaman tamén un proceso aberto de contratación naqueles casos cuxo contrato estea vencido. A negativa do goberno local baseouse en que “a día de hoxe este procedemento xa está iniciado e tan só faltan por concluír unha serie de pregos”, indicou Martínez Sanjurjo, quen tamén puntualizou que “servizos como o de asesoramento laboral xa están municipalizados e outros, como o de reclamación de danos, hai que sacalos por procedementos distintos”. Seguindo coa votación UXO abstívose mentres que o PSOE se mostrou favorable. 

O Pleno de Ordes nomea a Isabel Zendal filla predilecta