No pleno deste mes tamén se decidiu optar ao premio Coopera cos programas de prevención e tratamento da violencia de xénero

O Pleno da Mancomunidade de Ordes acordou na xuntanza deste mes optar ás subvencións para a contratación dun axente de emprego e desenvolvemento local para o Concello de Oroso, así como para a promoción da igualdade e o mantemento do Centro de Información á Muller (CIM). No primeiro caso solicítase á Consellería de Economía, Emprego e Industria unha contía de algo máis de 10.000 €, mentres que a segunda demanda ascende a 107.0000 € por parte da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
     Uns ingresos cos que o CIM pretende levar a cabo actividades de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, dirixida tanto ás mulleres vítimas ou en situacións de risco, aos seus fillos e fillas, así como para realizar dinámicas conxuntas. Tamén cabe a posibilidade de aplicar o dito programa como medida preventiva. Dentro deste, previstas para o mes de novembro, tamén se desenvolverán sesións de autoprotección dirixidas igualmente a ambos os perfís de persoas afectadas. 
     Ademais da mellora da situación das mulleres, fillos, fillas e persoas dependentes delas, entre os obxectivos desta iniciativa están: a mellora da situación persoal, social e laboral; a do asesoramento xurídico especializado; a atención directa ás persoas menores;  procurar a recuperación da súa identidade e autonomía, e a restauración de proxectos vitais. Todo isto incidindo sempre no apoio de cara á orientación laboral, persoal e social.
   Por outra banda os sete alcaldes dos municipios da comarca acordaron unanimemente presentar o labor e os proxectos deseñados polo CIM para optar ao premio Coopera da vindeira edición.
 

A Mancomunidade de Ordes acorda solicitar  máis de 100.000 € en subvencións para a promoción  do emprego local e o mantemento do CIM