spacer
O verán de Ordes énchese de estrelas con 'Todocosmos'

Pereira e Vilamaior acollerán este programa astronómico nos meses de xullo e agosto. Poderanse contemplar planetas e galaxias cun telescopio de longo alcance e co asesoramento de profesionais
O programa astronómico ‘Todocosmos’ levarase a cabo este verán en Ordes. A dita actividade está dirixida a xente de todas as idades que sintan curiosidade por observar as estrelas, galaxias e planetas. O público asistente contará en todo momento coas explicacións e o asesoramento de especialistas e profesionais da materia.

     Serán dúas xornadas nocturnas que arrancarán o vindeiro xoves, 28 de xullo, na parroquia de Pereira e o 29 de agosto en Vilamaior. En ambos os casos a cita está posta para as 22.30 horas no local social, estando prevista unha charla temática no caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables para permanecer no exterior. 

     Todo o material necesario para a correcta observación das estrelas será facilitado pola organización desta iniciativa. Aínda así se alguén dispón do seu propio telescopio ou doutros sistemas de observación poderán levalo e facer uso deles. 

     Ademais do Concello de Ordes en ‘Todocosmos’ colaboran o Ministerio de Economía e Competitividade, coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, a Universidade de Santiago de Compostela, así como o Observatorio Astronómico Ramón María Aller.