spacer
Apoio de Susana López Abella ao I Congreso Escolar pola Igualdade organizado polo IES Maruxa Mallo

Desenvolveuse ao longo dos dous últimos días e nel participaron preto de 300 alumnos e alumnas do centro. O alcalde de Ordes destacou hoxe “a importancia de traballar en prol da igualdade coa xente máis nova”

O IES Maruxa Mallo de Ordes celebrou ao longo destes dous últimos días o I Congreso Escolar pola Igualdade. Na xornada levada a cabo no día de hoxe na Casa da Cultura a dita iniciativa contou co apoio da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, ademais da do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. En total foron preto de 300 as alumnas e alumnos dos cursos que van de primeiro a cuarto da ESO os que participaron nas distintas actividades do programa.

     López Abella felicitou tanto ás persoas participantes como á organización pola iniciativa levada a cabo, destacando “a importancia de que se dea no ámbito escolar”. Non tivo reparo en pedir publicamente que a “sigan convidando en futuras edicións”. Unhas felicitacións ás que se sumou tamén o rexedor ordense, quen tamén recoñeceu o labor levado a cabo pola dirección e profesorado do centro, así como polo alumnado á hora de organizar o congreso e “traballar en prol da igualdade coa xente máis nova”.

     Onte xoves a cita desenvolveuse no auditorio do Museo do Traxe, onde tivo lugar unha charla-debate baixo o título ‘Xestión e consentimento’ a cargo de Martina González, psicóloga especializada en sexoloxía e diversidade sexual, e Sabela Maceira, educadora social e sexóloga. 

Apoio de Susana López Abella ao I Congreso Escolar pola Igualdade organizado polo IES Maruxa Mallo

Relatorios e performance
Xa para hoxe a organización tiña preparada unha exposición de relatorios de diversa temática como a publicidade sexista, mitos do amor romántico, construción de relacións sas e igualitarias, explicación da síndrome da ra fervida, imposición de modelos de beleza feminina, xoguetes coeducativos e inclusivos, masculinidade igualitaria etc. Tamén se levaron a cabo performances audiovisuais  sobre micromachismos, mutilación xenital feminina, linguaxe non sexista ou a beleza como valor de mercado entre outros temas. A todo isto hai que sumarlle a presentación da campaña  ‘Día Internacional das Mulleres. Queremos un lugar no mundo. O mundo é o noso lugar’,a escenificación teatral ‘Loitando pola igualdade’, protagonizada tamén polo estudantado, e a proxección do traballo audiovisual ‘Os nomes das loitadoras: en ouro porque son valiosas, en pedra porque son eternas, en violeta porque son mulleres’ realizado por Lucas Morán Pin con tecnoloxía robótica dron en base ao paro do pasado 8 de marzo.