Terá lugar a fin de semana do 10 e 11 de marzo no Mesón do Vento. Haberá degustacións gastronómicas, exposicións de gando e aves autóctonas, carreiras e probas de andadura, mostras de artesanía e de coches antigos, exhibicións de 4x4, encontros folclóricos, concurso de disfraces, música en vivo e moita festa  

Os vindeiros 10 e 11 de marzo a localidade do Mesón do Vento celebrará a XX Festa do Lacón con Grelos. Como cada ano agárdase a presenza de milleiros de persoas, que ademais de degustacións gastronómicas poderán gozar dun amplísimo programa de actos.

     Tanto o sábado como o domingo, 10 e 11 de marzo,  a partir das 10 horas abrirá as portas o recinto feiral, no que se exporá unha ampla representación de gando de distintas razas ademais de aves autóctonas. Tamén haberá feira de produtos artesanais e exhibicións de 4x4.

     Ao longo da tarde do primeiro día destacan dous eventos. Ás 16 horas darán comezo o III Encontro Folclórico no que participarán a Agrupación Folclórico-Cultural Sementes da Arte, a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo e o Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira. Xa arredor das 17 horas a maxia e a cor do Entroido volverán apoderarse da localidade grazas ao concurso de disfraces, no que en total se repartirán máis de 1000 € en premios nas categorías comparsas e individual (persoas adultas e infantil). As inscricións poderán realizarse ata o 8 de marzo no Departamento de Cultura e Deportes, ou ben chamando ao 981680002.

1.200 € en premios 
Xa de cara ao domingo o programa está encabezado pola degustación popular do lacón con grelos, que como de costume os bares e establecementos da zona ofrecerán con cada consumición de maneira gratuíta a partir das 12 horas. Haberá tamén exposición de coches antigos. As carreiras e as probas de andadura federada son outro dos grandes atractivos para este día, as cales darán comezo a partir das 11.30 horas e continuarán ao longo da tarde, así como a carreira de burros ás 17.30 horas. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través da Federación Hípica Galega. Ás 12 horas os protagonistas serán os cans debido ás probas de agility canina que terán lugar. En conxunto nestas probas repartiranse preto de 1.200 € en total. 

     A organización ten previstas actuacións musicais en vivo para amenizar tanto a sesión vermú (14 h) como a última hora da tarde (20 h), dándolles así pé aos máis festeiros e festeiras a botar algún que outro baile.

Conta atrás para a XX Festa do Lacón con Grelos