spacer
Novo desfibrilador semiautomático para a agrupación de Protección Civil Ordes-Frades

O alcalde de Ordes e membros de Protección Civil acudiron á entrega de 157 desfibriladores por parte da Xunta de Galicia ás agrupacións de voluntariado de Protección Civil, aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e aos Consorcios de Bombeiros

A agrupación de Protección Civil Ordes-Frades conta cun novo desfibrilador semiautomático externo (DESA). O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, foi o encargado de asinar onte o convenio establecido pola Xunta de Galicia. Honorino Raña, presidente local da agrupación de voluntariado de Protección Civil e bombeiro do parque comarcal de Ordes, tamén acudiu á cita, acompañado doutros membros da dita agrupación.  

     O acto, no que se entregaron un total de 157 desfibriladores ás agrupacións de voluntariado de Protección Civil, aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e a os Consorcios de Bombeiros, tivo lugar na Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada. Entre as autoridades presentes figuraron Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia; Jesús Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade; Marcos Araújo, Xerente da  Axencia Galega de Emerxencias e Luís Menor, director de Emerxencias e Interior. 
 
    Durante a xornada tamén se levou a cabo  unha charla en relación á nova aplicación móbil que en breve comezará a funcionar co obxectivo de mellorar o servizo e reducir o tempo de reacción ante casos de urxencia, aspecto fundamental para salvar vidas e evitar secuelas graves.

     O alcalde de Ordes fixo fincapé na importancia que ten a dotación destes equipamentos e o seu fácil e rápido acceso á cidadanía. Referíndose ao seu municipio lembrou a presenza de desfibriladores no pavillón Castelao I, nas instalacións deportivas de Vista Alegre e na piscina Iván Raña. Tamén agradeceu a colaboración e coordinación levada a cabo pola Xunta no eido das emerxencias para o beneficio e a seguridade da cidadanía, resaltando a predisposición do Concello de Ordes para seguir levando a cabo este tipo de iniciativas. 

Novo desfibrilador semiautomático para a agrupación de Protección Civil Ordes-Frades

   Segundo os datos achegados pola Consellería de Sanidade coa aprobación do Decreto 38/2017, polo que se regula a instalación e o uso de desfibriladores externos fóra do ámbito sanitario, a día de hoxe contabilízanse un total de 2.161 desfibriladores, ademais de certificarse 17.750 persoas en soporte vital básico e uso de DESA. A nivel nacional Galicia lidera a formación de nenos e nenas en primeiros auxilios grazas á formación ofrecida a través do 061 ao profesorado de educación física e instrutores en soporte vital básico e DESA. No primeiro ano de aplicación deste convenio conseguíronse adestrar 4.000 menores. O obxectivo é chegar ao 100% no ano 2020.