David Santos e Claudia Fernández-Couto, vencedores da IV Media Maratón Camiño Inglés-Rede Stelar
A proba tivo lugar este sábado con preto de 320 atletas inscritos
David Santos Domínguez, atleta sénior do Club Atletismo Santiago, proclamouse vencedor da IV Media Maratón e 10 Km Camiño Inglés-Rede Stelar, disputada esta fin de semana e con máis de 315 atletas inscritos. Santos rexistrou un tempo de 01:13:45 para completar os 21 quilómetros do percorrido trazado entre os municipios de Ordes e Oroso. Dentro da mesma categoría os seguintes en pasar pola liña de meta foron o aresán Alejandro Rodríguez (01:15:57) e Miguel Iglesias (01:20), do Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago.
No apartado feminino o mellor tempo acadouno Claudia Fernández-Couto con 01:37:06, procedente de Ames. A segunda e terceira posicións foron para Aldara Betanzos (01:42:39), da S.D.Barbantia Roda, e a santiaguesa Estefanía Muras (01:42:53).
Atendendo aos corredores e corredoras das categorías máster sobresaíron Pablo Seoane, Álex Serrano, Santiago Falcón, Ramiro Pérez, Silvia García e Nati García.
No que respecta á proba de 10 quilómetros o podio dos sénior estivo ocupado por Amadeo Abal (00:31:13), Jorge Puig (00:33:23) e Daniel Loureiro (00:33:24). Os nomes propios femininos máis destacados foron os de Ainoa Gontán (00:39:14), Marta Fernández (00:43:25) e Belén Bascoy (00:45:15).
Os vencedores da proba de 3 quilómetros dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos foron Xoel Otero (00:12:35) e Hugo Pazos (00:12:50), ademais de Lucía Taboada (00:12:59), Helia García (00:13:34) e Martina López (00:14:13). No caso dos nenos e nenas de 10 a 13 anos o seu percorrido foi de 1,5 quilómetros, sendo os gañadores Jairo Gontán (00:05:43), Raúl Mata (00:05:57), Lucas Monteagudo (00:06:16), así como Noa Monteagudo (00:05:59), Nadia Conejo (00:06:30) e Noa Cacharrón (00:07:04).
Estas probas foron organizadas pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e Stelar, Excelencia no Camiño Inglés. Entre as entidades, clubs e firmas colaboradoras figuraron: Sociedade Deportiva Compostela Tambre-Lengüelle, Federación Galega de Atletismo, Concellos de Ordes e Oroso e Deputación da Coruña, Club Atletismo Tambre e Club Deportivo Móvete no Camiño. Patrocinan Eroski Center, Rios Sangiao, Siaba, Grupo Rafra, Madeiras Irmáns Castro S.L., Autos Grabanxa, Viraxes, Toldos Gómez, Mirás Café Bar, Escuela ESPS, Instalaciones Sánchez e Lamas Bike, entre outros.
