O BOP de este martes día 8 tamén fai referencia á modificación das taxas de saneamento e abastecemento e sobre a gratuidade da escola infantil

Tras non presentarse ningunha alegación durante o período de exposición pública o BOP de este martes 8 dá conta da aprobación definitiva da modificación de crédito aprobada inicialmente no pleno do pasado 29 de setembro. 

Daquela sometérase a votación modificar as taxas polos servizos de abastecemento e saneamento, correspondentes coas ordenanzas fiscais 18 e 19. Tal e como se expuxera no seu día estas sufrirán un incremento en relación á subida do IPC, o cal se sitúa nun 9,80%. Todo en base as condicións contractuais asinadas polo Concello de Ordes e a empresa adxudicataria. 

Na mesma sesión plenaria aprobáronse outras dúas modificacións de crédito. A primeira delas corresponde coa gratuidade da escola infantil municipal. Para poder levala a cabo o Concello adiantará 50.000 euros que serán devoltos posteriormente por parte da Xunta de Galicia tal e como está establecido na orde. A segunda atinxe á adquisición dos terreos da antiga fábrica de Viriato por un total de 962.969,18 € (IVE incluído). Deste xeito será posible o pago do 50% deste importe neste 2022 quedando pendente a outra metade para o vindeiro ano. 

Volvendo a atención ao boletín provincial, o luns 7 de novembro, Augas de Galicia informaba do outorgamento dunha concesión ao Concello de Ordes de 1.899.327,14 m3 anuais de auga procedentes do río Cabrón, situado no mesmo termo municipal, e do encoro de Vilasenín, no veciño concello de Cerceda. O uso deste caudal, trámite imprescindible previo a aprobación provisional do PXOM, está destinado tanto ao abastecemento da poboación como ao gandeiro e industrial.

Aprobación definitiva da modificación de crédito para a adquisición dos terreos de Viriato