Audio do pleno

  • A débeda bancaria ascende a algo máis de 460.000 €. 

  • No pleno de setembro tamén se aprobou o incremento en base ao IPC dos servizos de saneamento e abastecemento, así como a modificación de crédito para un primeiro pago na adquisición dos terreos da fábrica de Viriato. 

O Pleno de setembro do Concello de Ordes iniciouse coa aprobación da conta xeral do ano 2021. O informe, feito publico na tarde de onte pola tenente de alcalde Ana Soneira, reflexa un balance positivo cuns activos e pasivos equilibrados que ascenden a 69.670.874,15 €, un incremento patrimonial de 2.828.219,47 €, e uns activos líquidos que chegan ata os 5.274.340,10 €. Con todo a liquidación orzamentaria sitúase en 1.593.058,29 €. De cara aos gastos xerais o remanente que reflexa o departamento de Tesourería está nos 4.785.217,65 euros. Outra cifra que se aporta no documento de carácter contable son os 2.121.317,65 € de aforro.

Deste xeito, tal e como se defendeu dende o grupo de goberno, hai que falar dunhas cifras que veñen a dar cumprimento de forma máis ca evidente co obxectivo de estabilidade orzamentaria, cifrándose en 1.190.115,16 € a capacidade de financiación. No que respecta á débeda con entidades bancarias esta ascende a algo máis de 460.800 € (1.539 € de xuros ao ano). Por outra banda a decembro de 2021 o período medio de pagamento de débeda do Concello situouse en pouco máis dun día (1,34).

Á hora de votar tanto o grupo de non adscritos (3 concelleiros) como o PSdeG-PSOE de Ordes (2 concelleiras) optaron pola abstención. As críticas e discrepancias máis notorias xurdiron da bancada do BNG, que nesta ocasión contou unicamente coa presenza de Pablo Vidal, o cal votou en contra (ausencia dos outros dous concelleiros por motivos de saúde e laborais). A permanencia de varios contratos xa vencidos, o xeito de tramitar a modificación das obra da rúa do Muíño, o incremento da recadación do IBI tanto rústico como urbano ou o feito de non executar todo o orzamento previsto para actuacións como o desbroce ou mantemento de vías públicas foron algúns dos alegatos para xustificar esta postura. Puntos que foron rebatidos polo rexedor, José Luis Martínez Sanjurjo con explicacións como o incremento de construcións dentro do termo municipal, a regularización catastral levada a cabo na que “non soamente se regularizaron dous galpóns” ou as axudas aportadas pola Xunta e que permitiron o aforro de fondos propios nalgunhas partidas das partidas antes citadas. Os votos favorables viñeron da maioría absoluta ostentada polo goberno local (9).

Sen deixar de lado os aspectos económicos e tributarios tamén se procedeu coa modificación das ordenanzas fiscais relativas aos servizos de abastecemento e saneamento (Ordenanzas fiscais 18 e 19). Tal e como se estipula no contrato coa empresa concesionaria increméntase o nivel do IPC, situado nun 9,80%. Todos coincidiron en que se trata dunha subida importante nun momento moi delicado para moitos veciños e veciñas, pero que ao mesmo tempo é inevitable. Por este motivo os nacionalistas se abstiveron na votación mentres que os socialistas votaron en contra. Goberno e non adscritos optaron polo voto a favor.

Noutra orden de cousas o rexedor insistiu en non poder demorar por máis tempo dúas modificacións de crédito. A primeira delas corresponde coa gratuidade da escola infantil municipal, polo que o Concello adiantará 50.000 euros, os cales serán devoltos posteriormente pola Xunta de Galicia tal e como está establecido na orde de gratuidade das escolas infantís. Unha medida que todas as formacións políticas quixeron apoiar.

Onde xa houbo discrepancias, quedando o equipo de goberno en soidade, foi na modificación para a adquisición dos terreos da antiga fábrica de Viriato por un total de 962.969,18 € (IVE incluído). Dita modificación posibilitará o pago do 50% deste importe no presente ano, quedando pendente a outra metade para o vindeiro 2023. O grupo de non adscritos asegurou que aínda que na comisión mantida se falou de equipamentos e instalacións deportivas en ningún momento se concretou o uso deste espazo que pasará a ser público. Calificou de “improvisada” esta actuación. Advertiu tamén das previsións futuras no eido económico e amosou a súa preocupación por si este investimento repercute negativamente nos de índole social no caso dunha futura crise que requira de plans de urxencia. Argumentación moi similar tiveron tamén as outras forzas da oposición.

Oportunidade histórica

Pola contra o alcalde defendeu a decisión tomada “xa que carecemos de solo de equipamento no casco urbano”, calificando de “histórica” esta oportunidade e incidindo na importancia que terá a aprobación definitiva do PXOM para poder levar a cabo o dito proxecto. Outro aspecto no que fundamentou a súa postura foi o baixo prezo no que foron adquiridos os terreos, “unha terceira parte do seu prezo inicial”. Resaltou que “eses 16.000 metros cadrados serán destinados a dotación pública, converténdose nun punto de referencia para o Ordes do futuro”. Segundo as súas estimacións o importe necesario para a demolición do inmoble existente e a xestión dos residuos obtidos pode alcanzar os 300.000 €.

Finalmente este punto da orde do día, que englobaba conxuntamente ambas medidas, só contou cos votos favorables do goberno, votando en contra o PSdeG-PSOE de Ordes e absténdose o BNG e os non adscritos.

O punto que non precisou debate ao estar todos os grupos de acordo e ser aprobado por unanimidade foi a adhesión do Concello de Ordes na Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela, Tambre, Lengüelle. A iniciativa responde á promoción deste proxecto natural de sendeirismo e cicloturismo inaugurado recentemente, e que lle suporá un desembolso económico ás arcas municipais de aproximadamente 8.000 euros anuais. O representante na asemblea da dita organización será o propio alcalde.

Cesión de terreos

Outro punto que prosperou foi o da solicitude e aceptación da cesión de dous treitos en puntos quilométricos da N550 por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O primeiro está situado en Guindibó de Abaixo, á altura da ponte do río Cabrón, na marxe dereita da estrada nacional con dirección a Santiago de Compostela, e cunha extensión de 2.518 metros cadrados que transcorren por unha zona verde da antiga estrada. O outro son 1.120 metros cadrados que se localizan no desvío de Pereira. O alcalde informou que a intención do Concello é facerse tamén en propiedade coa parcela destinada a aparcamento -actualmente cedida- que está a carón da igrexa de Santa Cruz de Montaos, pero que debido á falta da actualización do expediente por parte da área de Demarcación de estradas da Coruña non se poderán cumprir nos prazos inicialmente previstos, polo que haberá que agardar máis tempo. Todos os membros da corporación votaron a favor agás o BNG, non por non estar de acordo coa medida, senón como sinal de protesta “porque son varias vías de servizo as que se atopan en mal estado e que están xusto a carón de vivendas e incluso empresas".

Outro punto que contou coa aprobación de todos, menos coa dos nacionalistas, foi a referida á aprobación do Plan Xeral de Prevención de Riscos de Xestión e Medidas Antifraude do Concello de Ordes. Segundo manifestou Pablo Vidal a súa abstención débese a que neste órgano só hai representación do goberno local e de ningún outro membro da corporación.

No apartado de rogos sobresaíu o debate en relación á construción dunha pista multideporte no CEIP Campomaior. A concelleira de Educación, Susana García, asegurou que conta co apoio da maioría da comunidade educativa. A pista será levantada sobre terreos municipais e o seu uso será público, para toda a veciñanza. Atribuíu as polémicas xurdidas nas últimas semanas as contaminacións informativas premeditadas e baseadas en mentiras por parte de persoas interesadas do claustro do CEIP en provocar o descontento.

O alcalde tamén informou que a partir de hoxe xa se pode consultar na plataforma de contratación da web municipal a licitación para a instalación de máquinas expendedoras de bebidas e alimentos en edificios de titularidade municipal (CSIZ e Biblioteca).

Aprobada a conta xeral 2021 cun remanente superior aos 4,5 millóns de euros