As modificacións de prezos aparecen reflectidas no BOP do venres.

O BOP deste venres, 23 de setembro, publica a modificación das taxas polas actividades culturais e deportivas. Máis exactamente as que atinxen ás escolas deportivas, culturais e de lecer, así como as actividades extraescolares, de ocio e tempo libre realizadas polo Concello de Ordes.

As novas tarifas xerais pasan a ser de 10 e 20 euros mensuais para as actividades de 1 e 2 horas semanais respectivamente. No caso de que a dita actividade teña unha duración inferior aos tres meses o seu prezo pasa a ser de 2,5 euros á hora. Como vén sendo habitual, o desconto tanto por familia numerosa como por estar nunha situación económica de vulnerabilidade será do 50%. Para as persoas maiores ou cunha discapacidade a partir do 33% as cifras sitúanse nos 7, 14 e 1,75 (hora) euros respectivamente. É importante tamén ter en conta os 20 euros da matrícula en todas aquelas actividades que se desenvolvan durante polo menos un trimestre.

Neste anuncio tamén se fai alusión ás taxas polas actividades extraescolares de 40 e 65 euros por curso se estas se desenvolven durante 1 ou 2 horas semanais respectivamente. Ao igual que no caso das outras actividades municipais, os usuarios e usuarias poderán beneficiarse dun desconto do 50%.  Por outra banda, a ximnasia de mantemento para persoas maiores terá un custo de 12 euros ao mes ademais da matrícula de 20 euros.