Vedada a pesca no encoro de Vilagudín
O DOG de hoxe publica a resolución tras a aparición de aves mortas.
O Diario Oficial de Galicia de hoxe xoves, 15 de setembro, publica a resolución pola que se veda a pesca no encoro de Vilagudín ata novo aviso.
O motivo desta restrición está na aparición de aves mortas no lugar dende o pasado 29 de agosto, data na que se recolleron 27 exemplares de gaivota patimarela mortos e 1 vivo. Todos foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña) para a toma de mostras.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María do Campo Piñeiro, resolveu vedar a pesca ata que se determinen as causas desta situación e o impacto sobre a fauna ictícola e o estado das augas. No caso de ser preciso a veda manterase ata a entrada en vigor da normativa de pesca continental da tempada 2023.
Cabe lembrar que non é a primeira vez que dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda se prohíbe a pesca neste encoro situado entre Ordes, Cerceda e Trazo. Xa no ano 2016 se rexistrara un episodio moi similar que se repetiu en setembro de 2021. Daquela morreran un total de 337 exemplares, (DOG do 13 de setembro de 2021), feito denunciado públicamente por Ecoloxistas en Acción. Posteriormente a consellería determinara que a causa das mortes debérase a unha intoxicación por toxina botulínica, despois de realizar un diagnóstico diferencial que incluía entre as posibles causas fármacos, químicos ou metais pesados.