O presuposto base da licitación ascende a algo máis de 115.000 euros. 

O Concello de Ordes vén de iniciar os trámites para as obras de humanización da rúa Coruña. No perfil do contratante da web municipal (www.ordes.gal) xa está publicado o anuncio de licitación do dito proxecto. O presuposto base previsto (IVE incluído)  ascende a 115.236,20 euros dos cales 80.000 euros son dados pola Deputación da Coruña tras o acordo asinado este verán. O prazo de recepción de ofertas finalizará o 5 de outubro de 2022, e o período de execución non poderá exceder os 6 meses. 

Para o acondicionamento do terreo prevese a demolición de 418 m² de beirarrúas e 1015 m² de pavimento de aglomerado e formigón. Este executarase posteriormente ao mesmo nivel nos primeiros 175 metros, mentres que nos derradeiros 25 metros aplicarase aglomerado quente para mellorar a capa de rodaxe.

Por outra banda extenderase en 25 metros o sistema da rede de pluviais e instalaranse novas arquetas sumidoiro ademais dunha rigola de formigón para a canalización das augas. Tamén se intervirá na rede de abastecemento coa instalación de 380 metros de tubaxe entre ambas marxes. Reporanse as acometidas existentes e colocaranse dúas válvulas de comporta nas respectivas arquetas.

O sistema de iluminación pública será outro dos servizos que conte con melloras. Contémplase o soterrado de 75 metros de canalización de tubaxes.

Arrancan os trámites para as obras de humanización da rúa Coruña