spacer
Ordes celebra este Venres o Día do Deporte

Quen o desexe poderá practicar de balde modalidades como aikido, atletismo, xadrez, tenis, fútbol sala, tiro con arco ou taekwondo entre outras. Haberá agasallos e o sorteo de equipamento deportivo. 

O vindeiro venres, día 16, terá lugar o Día do Deporte organizado polo Concello de Ordes. Unha xornada dirixida a todos os veciños e veciñas de calquera idade que queiran experimentar a práctica de distintos deportes.

A cita será dende as 16.30 ata as 20 horas no Campo da Feira, ou ben nos pavillóns Castelao 1 e 2 en caso de chuvia. Nesta edición contarase coa participación dos seguintes clubs e entidades: Asociación Enfeitizados (Aikido), Asociación Galega de Aikido Dentou Iwama Ryu, Club Patinaxe Galia, Escola Xadrez Ordes, Escola de tenis, Kickboxing Ordes Fight Club, Club A.C. Ordes (Hóckey), S.D.C. Ordes (fútbol), Jogafán Ordes Fútbol Sala, Adarve (club de tiro con arco), Atlética A Silva-Ordes (atletismo), Boud Sport (taekwondo) e Asociación Deportiva de Taekwondistas da Comarca de Ordes. 

A dinámica será a mesma que nas edicións anteriores. Cada persoa participante recibirá un cupón que irá cuñando a medida que vai practicando diferentes modalidades deportivas. Unha vez completado na súa maioría trocarase por unha camiseta. Ademais tamén dará opción a participar no sorteo de material deportivo o cal terá lugar a partir das 20 horas. 

Na posta en marca desta iniciativa este ano o Concello de Ordes conta coa colaboración de Sportec Ordes e Sport Equipalia.