As obras sitúanse nas parroquias de Beán, Pereira, Vilamaior e Poulo.

O Concello de Ordes vén de publicar a licitación de novas obras de acceso en diferentes puntos das parroquias de Beán, Pereira, Vilamaior e Poulo cun presuposto base e licitación (IVE incluído) de 76.120,51 euros. O prazo límite para recibir ofertas finalizará o vindeiro 3 de outubro.

No caso da parroquia de Beán contémplase a reparación e mellora dos accesos a Nouche, Souto e na pista de acceso a Casa de Aldao. Segundo se expón na memoria do proxecto, a cal está dispoñible no perfil do contratante da web municipal (www.ordes.gal), no primeiro dos casos intervirase nun tramo de 120 metros de lonxitude e 4 de ancho, e noutros 100 m² de abanicos e accesos existentes. No Souto a capa de rodaxe sobre a que se traballará acada unhas dimensión de 125 metros de lonxitude e 3,25 metros de ancho, así como 125 m² de abanicos e sobreanchos. Na terceira ubicación, pista Casa Aldao, actuarase ao longo de 160 metros de lonxitude e 3 metros de ancho, ademais doutros 25 m² de abanicos e sobreanchos. 

No que se refire á parroquia de Pereira prevese a reparación e mellora da capa de rodaxe do viario municipal no núcleo de Folgoso. Exactamente serán 395 metros de lonxitude e 4 metros de ancho. Tamén noutros 150 m² de abanicos e sobreanchos.

En Poulo contémplanse o tramo pendente de obra na pista que vai ao Outeiro dende Lavandeira de Abaixo. Un tramo de 325 metros de lonxitude e 3,50 m de ancho, así como 50 m² de abanicos e sobreanchos. Xa en Vilamaior as obras realizaranse en tres accesos no Porto (accesos no Porto – Casa do Monte), cuxas dimensión son: 25x4,25 m, 35x4 m e 50x4 m. A isto hai que sumarlle outros 45, 75 e 100 m² de abanicos e sobreanchos.

En todos e cada un destes casos aplicarase 5 cm de aglomerado quente e previamente se procederá co arranxo de fochancas e co perfilado de mordentes. Completarase a actuación coa limpeza de gabias e salvagabias para a correcta drenaxe, ademais do pintado da sinalización horizontal e a colocación das sinais de tráfico verticais precisas. 

Ordes saca a licitación a mellora de diversos accesos rurais por un importe superior aos 76.000 euros