Ata o próximo 17 de agosto manterase aberto o prazo de licitación para varias obras situadas no municipio de Ordes. O presuposto para o conxunto deste proxecto ascende a un total de 388.062,80 (IVE incluído). Entre eles está a pista principal que vai dende Vilasuso á igrexa de Beán (1.225 metros máis 250 m² de abanicos). Tras a reparación de fochancas e o perfilado de mordentes verá mellorada a súa rodaxe grazas á aplicación de aglomerado quente. A isto hai que engadir a substitución da obra de drenaxe existente a altura de Pontellos por un marco prefabricado de formigón armado de 2x2 m.

No que atinxe á pista de concentración que se dirixe dende o Cruceiro a SAT Regueiro Branco, na parroquia de Barbeiros (975x5 m, 25 m² de abanicos e 4 entronques de 10x7,5 m), vaise proceder coa mellora da capa de rodaxe mediante a aplicación de grava e triplo tratamento asfáltico. Ademais tamén se limpiarán as gabias para unha correcta drenaxe.  

Por outra banda preténdese a construción dunha cuneta transitable dende a A-409 ao Cruceiro e Trasmil, en Mercurín, mellorando así os accesos a igrexa Parroquial. Antes de intervir no pavimento canalizaranse 540 metros de tubería e colocaranse máis dunha vintena de arquetas de distintos tipos para a recollida de pluviais. Para a rede de alumeado tamén se instalarán 565 metros de tubaxe así como as arquetas precisas. 

Por último melloraranse os accesos ás zonas da Adina e da Adina Vella en Ardemil mediante o afirmado das pista ao longo de catro tramos diferenciados. Precisamente en varios destes executarase unha rede de 485 metros para dotar o servizo de abastecemento. Nos cruces das estradas reforzarase esta tubaxe mediante unha placa de formigón, ademais de limpar e acondicionar o acceso a unha fonte situada na zona.

Unha vez completados estes labores as obras concluirán con pintado da sinalización horizontal e coa instalación das sinais verticais naqueles puntos nos que sexa necesario.

O Concello de Ordes saca a licitación a mellora  de diversos viais do municipio