Cultura na rúa, o programa de lecer familiar para o mes de xullo organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ordes, deu comezo onte co espectáculo C´est past Possible. Afortunadamente as boas condicións meteorolóxicas permitiron que esta primeira cita tivera lugar a alameda de Ordes. Sen dúbida o escenario ideal para poder apreciar as acrobacias aéreas coas que a compañía Sempre arriba deixou coa boca aberta ás máis de 100 persoas que asistiron ao acto.

O dito programa desenvolverase cada mércores do presente mes. A vindeira semana haberá un circo de lume no que se combinarán danza, malabares e acrobacias. Os días 21 e 28 de xullo as persoas afeccionadas ao cine poderán ver de balde  Frozen II e O que arde, respectivamente. En todos os casos o lugar e hora de inicio será na alameda ás 22 horas, agás que chova. Nese caso as actividades trasladaranse á Casa da Cultura.

Debido á situación marcada pola pandemia o aforo é limitado, polo que terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Recoméndase inscribirse previamente no departamento de Cultura chamando ao 981680002 (Ext. 4) ou a través do correo electrónico ordescultura@gmail.com. Deberase indicar o nome e apelidos das persoas asistentes e os espectáculos aos que desexen acudir. Cómpre ter en conta que se as condicións meteorolóxicas non son propicias os espectáculos trasladaranse á Casa da Cultura.

Acrobacias aéreas para inaugurar Cultura na rúa