O proxecto contempla a remodelación de 3.200 metros cadrados de beirarrúas, ademais de novas canalizacións eléctricas soterradas

O Concello de Ordes informa da apertura do proceso de licitación das obras de mellora da infraestrutura viaria do polígono industrial de Merelle. O prazo límite para recibir ofertas rematará o  17 de xuño.  O presuposto total do proxecto ascende a 150.000 € (presuposto base de licitación sin impostos: 123.966,94 €), cantidade subvencionada pola Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

As actuacións previstas están encamiñadas á mellora das beirarrúas mediante a renovación do pavimento e incrementando o seu ancho para unha maior funcionalidade e accesibilidade. Previamente será necesaria a demolición dos pavimentos existentes, o levantado de bordos e  o acondicionamento de zonas sen pavimentar aínda a día de hoxe. Dos case 3.200 metros cadrados de superficie que ocuparán as novas beirarrúas, preto de 2.900 destinaranse para o tráfico peonil. Outros 325 metros cadrados corresponden ás entradas e accesos ás naves e demais inmobles. Nestes casos o pavimento irá reforzado debido á necesidade de soportar o peso de vehículos de gran volume. 

O plan de mellora inclúe a instalación de 845 metros de tubo de polipropileno verde para a canalización soterrada do alumeado público, 53 metros de tubos de polietileno corrugado de dobre parede para a canalización eléctrica en baixa tensión e 24 arquetas.

Unha vez iniciadas as obras o prazo máximo de execución estímase en seis meses.

Aberto o prazo de licitación para as obras  de mellora das infraestruturas viarias  do polígono industrial de Ordes