Audio do pleno

Aprobada inicialmente a modificación da relación de postos de traballo cos votos a favor de PP e PSOE.

  • En informes de alcaldía deuse conta dunha axuda bianual de 250.000 euros por parte da Consellería de Educación e Cultura para reformar o auditorio da casa da cultura.

  • A corporación aprobou inicialmente a modificación da RPT municipal, co fin de poder rematar a curto prazo coa interinidade do emprego público e mellorar a organización municipal.

  • Acordo total na moción do PP sobre a petición ao Ministerio de mellora da conectividade no termo municipal.

O pleno ordinario do mes de maio, coa única ausencia do concelleiro do BNG, Gonzalo Veiras Carneiro, tivo lugar de xeito presencial na casa da cultura sita na rúa de Galicia. Comezou como é preceptivo co punto primeiro de aprobación da acta da sesión anterior do día 29 de abril.

Informes de alcaldía: axuda para o acondicionamento da casa da cultura. 

No punto segundo o alcalde tomou a palabra na quenda de informes de alcaldía, para dar conta dos inicios da tramitación dun convenio de colaboración bianual (2021-2022) coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por importe de 250.000 euros (o 65% da contía da actuación prevista nesta instalación municipal); para poder dar cumprimento antes do remate do presente mandato a un dos compromisos do seu programa electoral.

Aprobación inicial da modificación da relación de postos de traballo (RPT).

A RPT do Concello de Ordes foi aprobada no ano 2010 (BOP núm. 180), e modificada no ano 2012 -revisión complemento específico do departamento da policía local-, e 2020 -creación do posto de traballo de tesouraría para habilitado/a nacional-.

Logo de ver a evolución dende o ano da súa aprobación, e a composición da estrutura de persoal, as funcións que desempeñan, as necesidades, así como os servizos que está a prestar o concello, estímase necesario levar a cabo unha reestruturación e modificación do documento actualmente vixente.

Dentro das circunstancias, cómpre sinalar: a existencia de postos cubertos por persoal laboral temporal que exceden os prazos máximos, a integración na RPT de postos que non teñen natureza funcionarial por atoparse nalgunha das circunstancias sinaladas no art. 26 da Lei de emprego público de Galicia, así como a racionalización dos complementos e das súas contías.

Coa aprobación da modificación perséguese adaptar a estrutura organizativa inicialmente aprobada en 2010, así como as retribucións do persoal incluído nela.

Os fundamentos da modificación figuran todos explicados e detallados na memoria explicativa realizada polo persoal técnico municipal, e foron obxecto de traslado en varias reunións da mesa de negociación aos representantes sindicais da administración municipal.

A modificación non se trata dunha suba salarial, senón que na liña do que establece o Goberno da nación e en cumprimento das esixencias de Europa, trátase de rematar a curto prazo cos postos interinos e coa situación de precariedade en determinados departamentos da organización municipal, para dar un mellor servizo á cidadanía. Garantindo á vez unha estabilidade no emprego público a todo o persoal que actualmente se atopa en situación de contrato temporal.

Para os cálculos, pártese sempre da valoración existente na RPT vixente, e en base aos cálculos do persoal técnico, a nova proposta supón un incremento de preto de 900.000 euros do capítulo 1, que pasará a ser de 3.405.890 euros. Os incrementos dos postos xa existentes e cubertos supoñen 145.000 euros máis a parte correspondente de seguridade social, e os vacantes 439.242 euros, a engadir igualmente a parte impositiva legal vixente.

O PSOE facilitou a aprobación desta modificación cun voto favorable, remarcando que apoian a medida, pola necesidade de adaptación aos tempos despois de 11 anos, e buscar a estabilidade laboral do persoal.

UXO criticou pola contra a falta de consenso con todos os sindicatos presentes na mesa de negociación, pero valorou como positiva e necesaria a modificación da RPT, optando os 3 concelleiros pola abstención.

A bancada do BNG votou en contra, e baseou este en que a información que se lles trasladou foi a memoria e as táboas de valoración, botando en falta o informe de secretaría e intervención (cuestións estas rebatidas por ambos os técnicos na propia sesión plenaria), pois como se lle indicou o informe de secretaría forma parte do expediente que tiña a disposición, e o de intervención formará parte do novo proxecto orzamentario. Reclamou á vez datos do impacto económico, sumouse á crítica de falta de consenso co sindicato CIG, e afirmou que a proposta non era homoxénea, obxectiva e igualitaria, botando en falta transversalidade entre os postos, e criticando á vez a supresión de postos administrativos, os cales non foron considerados necesarios por parte do persoal técnico na nova organización, e así o xustifican na memoria de modificación.

Na quenda final, o alcalde agradeceu o labor do persoal técnico na elaboración do documento de modificación, e agarda que este prospere, para evitar atrasos innecesarios. Ratificou que o sindicato CIG non foi acorde ás propostas na mesa de negociación, pois pretendían subas salariais non axustadas a dereito e desconformes as valoracións do persoal técnico, criticando á vez que en lugar de ser un grupo da corporación o que valore a totalidade do persoal, tan só pretendan erixirse como defensores dunha formación sindical. E reclamou que constase en acta, que en defensa do labor e do informe do persoal técnico que avaliou todos os datos, si se traballou nunha modificación da RPT xusta, homoxénea e obxectiva.

Mocións.

O BNG presentou unha moción en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable, xusta e galega fronte ao espolio da depredación. Nos acordos demandou á Xunta de Galicia, e con base a que Ordes é concello afectado por varios parques eólicos en tramitación así como liñas de evacuación, a aprobación dun novo marco de regulación, o impulso de plans de desenvolvemento industrial asociados ás novas instalacións, medidas para garantir a socialización dos beneficios, incremento das garantías medioambientais, así como unha verdadeira política de transparencia, información e participación cidadá.

Acadou o apoio de PSOE e UxO, e o voto en contra do goberno local, pois a proposta, como deixou constancia a voceira Susana García, é propia do debate no Parlamento ou no Congreso dos Deputados, onde teñen competencia para acometer as emendas á lexislación vixente que demandaba o BNG.

A única moción do banco do PP, que contou coa unanimidade a favor dos 16 concelleiros presentes no pleno, foi para trasladar ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a nula ou insuficiente conectividade en polo menos 58 núcleos de poboación das 13 parroquias do concello -zonas brancas-. Que se priorice o despregamento da banda larga e se dote de cobertura 5G. Todo iso co fin de eliminar a fenda dixital e as barreiras de desigualdades que xorden entre a poboación dependendo do lugar de residencia.

Rogos e preguntas.

O PSOE formulou dous rogos, un para o arranxo da área recreativa de Vilagudín, a cal é propiedade de Naturgy; e para un camiño e lavadoiro en Montaos, que será analizada a consideración de privado ou público por parte do goberno local.

O grupo político de UxO solicitou trasladar ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana a instalación de pasos de peóns luminosos na travesía da N-550 na vila de Ordes.
Dende a bancada do BNG, o 1º rogo foi para pedir recolocar o cadro “Mariñeiro” de Isaac Díaz Pardo, que se atopa no despacho nobre da alcaldía; a revisión do alumeado na travesía do Mesón; tarefas de conservación no paseo Ramiro Recouso Liste; e axilidade na roza da maleza das vías municipais. Todos eles foron recollidos polo goberno para traballar en beneficio de melloras nestas situacións.
Formulou finalmente 2 preguntas, unha da tramitación do plan normativo, onde 7 das ordenanzas ou regulamentos xa están en fase de borrador, e outra contra o criterio da dirección de obra na colocación do mobiliario na rúa Carnota.
 

RESUMO DO PLENO ORDINARIO DO MES DE MAIO (+AUDIO)