Máis de dez municipios e dúas mancomunidades benefícianse desta medida orientada ao mantemento e limpeza de parcelas e á xestión de biomasa. 

Con data de hoxe martes, 6 de abril de 2021, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a cesión en propiedade ao Concello de Ordes dun tractor, dunha rozadoira de brazo e dunha trituradora suspendida traseiras.  (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210406/AnuncioG0426-250321-0001_gl.html) A finalidade desta dotación son os labores de limpeza e mantemento dos camiños e estradas, así como a xestión da biomasa nas redes secundarias.

     Entre outros beneficios esta dotación suporá un aumento da protección dos núcleos de poboación contra os incendios forestais. Tamén permitirá levar a cabo tarefas de limpeza e mantemento nas parcelas sen arrendar incluídas no Banco de Terras de Galicia propiedade da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

     Ademais de Ordes beneficiaranse desta medida  outros dez municipios (Lousame, Padrón, O Páramo, As Nogais, Pantón, Monterrei, Rairiz de Veiga, Toén, Arbo e Moraña) e a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro e a Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense.