spacer
LEVANTAMENTO DE ACTAS PREVIAS AOS TITULARES DOS TERREOS AFECTADOS POLA CONSTRUCIÓN DUNHA SENDA PEONIL NA ESTRADA AC-524, EN ORDES.

A XUNTA CONVOCA O 14 DE FEBREIRO AOS TITULARES DOS TERREOS AFECTADOS POLA CONSTRUCIÓN DUNHA SENDA PEONIL NA ESTRADA AC-524, EN ORDES, PARA O LEVANTAMENTO DE ACTAS PREVIAS.

  • Os propietarios das fincas deberán acudir á Casa Consistorial de Ordes, entre as 10.30 e as 11 horas

  • O Goberno galego vén de licitar estas actuacións, cun investimento autonómico de preto de 650.000 euros

  • A senda desenvolverase pola marxe dereita desta estrada, que partindo do itinerario peonil xa existente finaliza no punto quilométrico 0+500, e discorre polo núcleo de Ordes ata o 2+000, no lugar denominado A Costa

  • A actuación fomenta a mobilidade alternativa e suporá a diminución do tráfico rodado que diariamente circulan pola vía, e mellora da seguridade viaria

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convoca o 14 de febreiro os titulares dos terreos afectados pola construción dun itinerario peonil na estrada AC-524, en Ordes, para o levantamento de actas previas.
Os propietarios das fincas afectadas deberán acudir ese día á Casa Consistorial de Ordes, entre as 10.30 e as 11 horas.
A Xunta vén de licitar estas actuacións, cun investimento autonómico de preto de 650.000 euros.
Trátase da execución dunha senda pola marxe dereita desta estrada da Xunta, que partindo do itinerario peonil xa existente finaliza no punto quilométrico 0+500, e discorre polo núcleo de Ordes ata o 2+000, no lugar denominado A Costa.
Esta actuación ten como finalidades mellorar a seguridade viaria na zona, separando o tráfico peonil do tráfico rodado, e fomentar a mobilidade peonil en detrimento do uso dos vehículos. 
A senda terá unha lonxitude total de case 1,3 Km, a zona de tránsito peonil constará dunha sección tipo de formigón coloreado de 2 metros separada da calzada cunha banda axardinada de 0,90 metros, salvo nalgún tramo no que non sexa posible por falta de espazo.
Tamén se prevé a execución dunha pasarela de 15 m sobre o río Cabrón. Este novo treito conectará co albergue de peregrinos e permitirá unir, ademais, outros focos de atracción tales como os centros educativos IES nº1 de Ordes e co colexio Alfonso Rodríguez Castelao, cos pavillóns polideportivos, locais comerciais e industriais, farmacias, etc.
Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade quere dar continuidade e conectividade entre a senda existente e o itinerario cuxo proxecto acaba de ser aprobado, o que derivará nun fomento da mobilidade alternativa e supoñerá a mellora da seguridade viaria do treito.