• O Decreto de utilidade pública comprende as expropiacións das 9 fincas necesarias para a construción deste itinerario seguro no lugar da Costa

  • A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé proceder ao levantamento de actas previas e a licitación das obras no primeiro trimestre do 2020

  • A senda desenvolverase pola marxe dereita desta estrada de titularidade autonómica e permitirá separar o tráfico peonil do tráfico rodado nun itinerario de case 1,3 quilómetros, proxectándose tamén unha pasarela para salvar o río Cabrón

  • A senda conectará coa posada dos peregrinos e unirá os centros educativos da zona, os pavillóns polideportivos ou os locais comerciais e industriais

  • A actuación da Xunta enmárcase no apoio ao Xacobeo 2021 e fomenta a mobilidade alternativa e suporá a diminución do tráfico rodado que diariamente circulan pola vía, e mellora da seguridade viaria

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun itinerario peonil na estrada AC-524, na entorna do albergue de Peregrinos de Ordes, entre os puntos quilométricos 0+500 e 2+000.
O orzamento estimado desta nova intervención impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ascende a preto de 650.000 euros, no que se inclúe o pagamento das expropiacións das 9 fincas necesarias para esta actuación. 
No seguinte enlace ao DOG pode consultarse á información: http://bit.ly/33w0mTC 
O departamento de Infraestruturas e Mobilidade prevé o levantamento de actas previas e a licitación das obras no primeiro trimestre de 2020.
Trátase da execución dunha senda peonil pola marxe dereita desta estrada da Xunta, que partindo do itinerario peonil xa existente remata no punto quilométrico 0+500, e discorre polo núcleo de Ordes ata o 2+000, no lugar denominado A Costa. 
Con esta intervención o Goberno galego ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria na zona, executando un itinerario que permitirá separar o tráfico peonil do tráfico rodado, fomentando así a mobilidade peonil en detrimento do uso dos vehículos. 
Cunha lonxitude total de case 1,3 Km, a zona de tránsito peonil constará dunha sección tipo de formigón coloreado de 2 metros separada da calzada cunha banda axardinada de 0,90 metros, salvo nalgún tramo no que non sexa posible por falta de espazo.
A actuación inclúe ademais a execución dunha pasarela para salvar o río Cabrón, entre os puntos quilométricos 0+995 e 1+011, de 15 metros de lonxitude e 2,4 metros de ancho.
Este novo itinerario peonil conectará coa posada de peregrinos e permitirá unir, ademais, outros focos de atracción tales como os centros educativos IES nº1 de Ordes e co colexio Alfonso Rodríguez Castelao, cos pavillóns polideportivos Castelao I e Castelao II, locais comerciais e industriais, farmacias, etc. 
Esta actuación da Xunta de Galicia enmárcase na preparación do Xacobeo 2021, fomenta a mobilidade alternativa e suporá unha diminución do tráfico rodado motorizado diario que actualmente existe entre estes núcleos de actividade, así como a mellora da seguridade viaria neste treito.