Audio do pleno

O fillo predilecto don Ramón Carro Romero terá unha rúa co seu nome na popularmente coñecida como “calle dos árboles”

No pleno ordinario de novembro acordouse dedicar a proposta da alcaldía que o tramo da Rúa Nova entre Rúa Rosalía de Castro e Rúa Galicia, pase a denominarse Rúa Ramón Carro Romero, en fillo predilecto de Ordes segundo acordo plenario de data 27/04/2010.

O pleno ordinario do mes de novembro celebrado no día de onte, arrancou coa felicitación do alcalde en nome da corporación municipal ao fillo predilecto Iván Raña Fuentes, que o vindeiro 11 de decembro vai a recibir do COE, a orde olímpica. Un recoñecemento ben merecido a este deportista ilustre que participou nos xogos olímpicos de Sidney 2000, Atenas 2004 e Pekín 2008. 

Informes de alcaldía: subasta campo de fútbol, e estado da débeda viva.    
Logo da aprobarse a acta de sesión anterior, o alcalde tomou a palabra na quenda de informes de alcaldía, para informar que o Club de Fútbol do Mesón do Bento, ven de recibir a notificación do acordo de enaxenación mediante subasta da finca 1295 resultante da concentración parcelaria de Ardemil, onde se atopa a instalación deportiva.  A 1ª licitación, logo da súa publicación no BOE, terá un valor de partida de 110.671,32 euros. O derradeiro informe de alcaldía fixo mención a que se cancelou con mais de dous anos de antelación ao previsto, o préstamo do plan RDL 4/2012, 24 febreiro, de pago a provedores; quedando a data presente unha débeda viva cas entidades financeiras de unicamente 1.149.435,07 euros.

Plan normativo e bonificación do ICIO.
Os seguintes puntos da orde do día, foron aprobados por unanimidade dos 14 concelleiros presentes. O plan normativo anual municipal 2020 e unha bonificación no ICIO de licenza urbanística de ampliación de explotación gandeira. No plan normativo tanto o alcalde como o voceiro do BNG coincidiron en resalta que queda moito traballo por diante para o vindeiro exercicio, recordando que o ano 2019, por ser electoral, non foi o mais propicio para avanzar en este asunto. 

Cesión de parcela para a construción dun novo acuartelamento en Ordes.
A continuación na orde do día figuraba unha nova proposta, para que a finca rexistral nº 22.734 situada no Paraíso dentro da delimitación na UA-13 das NNSS de Planeamento se poña a disposición, como xa ocorrera o 29/09/2009, da “Gerencia de Infraestructuras y Equipamiento de la Seguridad del Estado (GIESE)” dependente do Ministerio de Interior; logo da petición formulada a estes efectos dende a Comandancia da Garda Civil da Coruña. Dito acordo contou co voto favorable de todos os presentes agás a abstención do BNG, que foi crítico ante a que considerou imposibilidade de poder construír e dar licenza e unha urbanización pendente de rematar e recibir polo Concello. Aspecto este rebatido polo alcalde, que se comprometeu a buscar unha solución definitiva para estes terreos se o promotor non cumpre os prazos que lle foron notificados para acometer as obras restantes.

Proposta de rúa para o fillo predilecto Don Ramón Carro Romero.
A derradeira proposta que se debateu no pleno, foi a de rotular o tramo de rúa Nova (entre rúa Rosalía de Castro e rúa de Galicia), popularmente coñecida como “calle dos árboles”, que pasará a denominarse rúa Ramón Carro Romero. O acordo saíu adiante co voto favorable de Partido Popular, Unión por Ordes, e a concelleira do Psoe, dona Carmen-María Ferreiro Villaverde. O seu compañeiro e voceiro, don Fernando Viqueira, xustificou a súa abstención baseada no vinculo de parentesco co fillo predilecto; e o BNG, sen manifestar nada mais, postulou o seu voto con un “nos imos absternos”. Compre recordar que don Ramón Carro Romero era o único fillo predilecto conforme acordo plenario de data 27/04/2010 que aínda non tiña dedicada unha rúa, un parque, un paseo ou un edificio público municipal, co seu nome.

Rogos e preguntas.
Os tres grupos políticos da oposición unicamente trouxeron a este pleno rogos e preguntas, con diversas cuestións contestadas pola voceira, dona Susana García Gómez, ou polo propio alcalde. Entre eles peticións de melloras na rúa dos Lagartos, no acceso ao campo de fútbol de Vista Alegre coa posible execución de unha pasarela no pasillo lateral, en materia de publicidade de bases e oferta pública de emprego público local, mantemento de vías públicas polos efectos derivados do temporal, a compra dos terreos e o custe da obra da Praza de Parada, as concesións vencidas en 2019 e as que vaian a caducar en 2020, en relación ao servizo de dependencia prestado desde a Mancomunidade, e o remate das obras no pavillón do CEIP do Mesón do Bento. Cuestión esta última que se executará nas vindeiras semanas coa intención de dar por rematada as obras o vindeiro 10 de decembro.

Resumo do pleno ordinario do mes de novembro de 2019