O alcalde Martínez Sanjurjo resaltou “a importancia de reinventarse profesionalmente en tempos de globalización”. O 45% das persoas participantes xa están reinseridas laboralmente

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou esta mañá no salón nobre de plenos de Ordes o proxecto Galitex. No acto, ademais de moitas das persoas participantes, tamén asistiron o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; a presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García; a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca; e a subdirectora xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, María Coutinho, entre outros.

De mans dos representantes institucionais e de membros da patronal as persoas presentes recibiron o certificado de participación nesta iniciativa formativa e laboral integrada da que se beneficiaron máis de 300 persoas, das que máis do 85% son mulleres comprendidas entre os 30 e 54 anos. 

     Martínez Sanjurjo, en alusión á secretaria xeral de Emprego, lembrou a importancia da “cooperación” á hora de falar de emprego. Sinalou que “segundo as últimas estatísticas, o 45% das persoas que formaron parte dos programas de formación e asesoramento xa están traballando”. Mostrou a súa confianza en que “o apoio e seguimento personalizado que se lles brinda ás restantes fará que en breve se poida incrementar esta cifra”. Resaltou a importancia que ten “saber reinventarse e redefinirse profesional e laboralmente nestes tempos de globalización”, cualificando Galitex como unha opción idónea para conseguilo. Por último, o alcalde agradeceu da Xunta de Galicia  e de todos os axentes implicados nesta iniciativa “que escolleran Ordes para o seu desenvolvemento” e tendeulles novamente a man “para desenvolver plans e proxectos deste tipo”.

Pola súa banda, Francisco Conde recoñeceu sentirse orgulloso dos bos resultados obtidos e sinalou que “o futuro pasa pola formación”. Neste aspecto fixo especial fincapé na importancia de que as mulleres se sumen ás grandes posibilidades que brinda a tecnoloxía, e de que sexan as protagonistas dunha innovación laboral liderada por elas. Dende unha perspectiva local falou da empregabilidade máis aló do sector téxtil, que unido á autoestima, aspecto traballado tamén en Galitex, son claves para atopar saídas tanto persoais como profesionais. En clave de cifras destacou que a día de hoxe o numero de afiliacións de mulleres á Seguridade Social achégase ao medio millón, traducíndose en case a metade de toda Galicia.

1.200.000 €
Galitex trátase dunha proposta da Xunta de Galicia aprobada pola Comisión Europea en prol da empregabilidade, dirixida ás persoas da comarca e ás da zona da Coruña afectadas polo desemprego no sector téxtil. En total destináronse 1.200.000 € cofinanciados pola Comisión Europea a través do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (60%) e a Xunta de Galicia (40%).
     Dende os seus inicios, en marzo de 2018, Galitex  ten como obxectivo principal axudar aos traballadores e traballadoras a atopar novos empregos, xa sexan no mesmo sector ou en novas industrias con potencial de desenvolvemento. As medidas realizadas incluíron asistencia profesional e personalizada, ademais de mellorar ou reciclarse profesionalmente, promover o espírito empresarial, así como incentivar a conciliación laboral e familiar. Conta con toda unha serie de medidas adaptables ás necesidades de cada persoa, que se beneficia cun seguimento e apoio individual ata conseguir a súa reinserción no mercado laboral. 

Francisco Conde clausura en Ordes o proxecto Galitex