Debido ás condicións meteorolóxicas o templo ordense foi escenario da tradicional misa. Posteriormente o alcalde de Ordes e o coronel comandante do Terzo Norte de Ferrol trasladáronse ata a tumba mausoleo do ilustre veciño, no cemiterio do Piñeiro, para depositar unha coroa de laurel

A chuvia caída esta mañá en Ordes obrigou a cambiar o programa previsto na homenaxe que como cada ano se lle brinda a Manuel Lois García, o 'Soldado Lois', o Día de Todos os Santos. Deste xeito a misa homenaxe trasladouse do cemiterio do Piñeiro, lugar habitual, á igrexa parroquial de Santa María de Ordes.

     José Luis Martínez Sanjurjo e Juan Ruesta Botella, alcalde de Ordes e coronel comandante do Terzo Norte de Ferrol respectivamente foron os encargados de presidir os actos conmemorativos aos que tamén asistiron, entre outras autoridades e mandos, José María Sanz Alisedo e Luis García Cortizas, coronel e capitán do Terzo Norte respectivamente; Jesús del Río Caamaño, capitán adxunto do sector de Tráfico da Garda Civil da Coruña; Francisco Javier Jambrina Rodríguez, coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña; Luís Nicolás Arroyo Pérez, capitán xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña; así como Eduardo Rodríguez Regos, oficial da Policía Local de Ordes.
 
     Ata o templo tamén se desprazaron, ademais de numerosos veciños e veciñas, gran parte dos concelleiros do Goberno local e representantes doutros concellos da comarca. 

     Tras o acto litúrxico unha comitiva entre os que non faltaron militares, ademais do rexedor ordense e o coronel comandante, trasladouse ata o cemiterio do Piñeiro para depositar unha coroa de laurel ante a tumba mausoleo, rendendo así honores ao ilustre veciño finado no ano 1937 e condecorado posteriormente coa Cruz Laureada de San Fernando.
   

Historia do Soldado Lois
Nado no municipio de Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresa no Grupo das Forzas de Infantería da Mariña en Ferrol. Ese mesmo ano pasa a servir no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do canón 4. 

     Será a comezos do mes de setembro de 1937 cando navegando por costas alxerianas avisten unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartaxena e Alacant, composta por 4 vapores, 2 cruceiros e 7 destrutores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia, que contén proxectís iluminadores, esbourando un deles. Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior, o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navío D. Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir a dita caixa, sendo o ‘Soldado Lois’ o primeiro en asumir o requirimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. As crónicas narran que “coas súas mans agarrou o proxectil. Os seus músculos, que non lle obedecen por estar totalmente carbonizados, fan que caia ao chan. Aínda así co seu peito empurrou o proxectil, o cal rodou pola cuberta ata caer ao mar, pasando así o perigo”. 

     Ese mesmo día Manuel Lois García falecía na enfermería do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais da súa tumba-monumento o ‘Soldado Lois’ dispón dun monumento no centro da vila, concretamente na Alameda de Ordes.
 

A igrexa de Santa María acolle a homenaxe ao Soldado Lois