Levarase a cabo entre os concellos de Ordes, Frades e Mesía. En total formarán parte del 20 alumnos e alumnas que se repartirán entre dúas especialidades orientadas á conservación e mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. O investimento total supera os 400.000 euros

Os concellos de Ordes, Frades e Mesía levarán a cabo en vindeiras datas o Obradoiro de Emprego Brañas do Illó-Río Samo II. Así se vén a anunciar tras confirmarse a concesión da subvención de 336.446 euros por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Un importe ao que se lle teñen que sumar outros 18.000 euros destinados a incentivar a contratación das persoas participantes unha vez finalizado o período formativo, ademais doutros 51.475,23 euros procedentes dos tres municipios participantes. 

     O número de alumnos e alumnas do dito obradoiro ascende a 20, das cales a metade poderán optar á especialidade de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e a outra metade á de Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas. O importe que se vai percibir por cada unha das persoas seleccionadas será de 1.050 euros. As solicitudes deberán dirixirse ao Servizo Público de Emprego situada en Ordes. Un aviso dirixido tanto ao alumnado como ao persoal directivo, docente e de apoio. 
      Na selección do alumnado-traballador terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
     A dita iniciativa formativo-laboral terá un prazo de duración de 9 meses, e desenvolverase no ámbito territorial dos tres municipios. Entre as actuacións, aprobadas tamén pola Comisión Central, figuran, no caso de Ordes (entidade promotora): Leira P-85 do parque empresarial de Merelle; brañas do Pomariño e Trillón (Buscás); Queiroal, chousa e brañas de Ardemil; área de Adina (O Mesón do Vento); campo da festa de Parada; contorno da capela de San Pedro en Adrán, prado de Ramos e contorno das Marchás (Vilamaior); leira do campo de fútbol de Santa Cruz de Montaos; revolta da Mosqueira, Balada do Croio, Monte do Pozo e prado de Abaixo (Leira). No Concello de Mesía inclúense as prazas de Albixoi, Bascoi, Boado, Visantoña, Cumbraos e Mesía; área recreativa de Olas; área deportiva do polideportivo de Xanceda; viveiro municipal; leira na Rivas; brañas do Vilar e de Valga (Albixoi). Por último, en Frades contémplase o punto limpo Frades-Mesía; leira O Carballal e piscina municipal (Papucín); campo de fútbol de Vitre; A Ponte (Carballa); leira A Presa e praza de Ponte Carreira  (Gafoi); local social de Añá; área do muíño de Céltigos; os pasos de Aiazo; leira Gasalla e campo de fútbol de Ponte Carreira.

Concedida a subvención para a posta en marcha do Obradoiro de Emprego Brañas do Illó-Río Samo II