Como cada ano o 16 agosto estivo dedicado ás persoas do lugar que un día partiron a outro países en busca dun mellor futuro. Dolores Carrera Viqueira foi a encargada de facer a ofrenda no nome da diáspora local, facendo un chamamento en prol da súa “Venezuela querida” 

As festas patronais de Ordes non teñen parada. Tras un día grande marcado polas actuacións das orquestras Trovadores e Los Satélites, pero sobre todo polo gran espectáculo de fogos artificiais que tivo lugar pasada a media noite e que milleiros de persoas aplaudiron a rabiar, hoxe foi o día na honra a San Roque.
     Unha xornada na que o protagonismo no só recaíu neste santo, senón tamén en todas as persoas que un día tiveron que emigrar de Ordes. Este ano foi Dolores Carreira Viqueira a representante de toda a diáspora local. Na misa solemne, e ante todo o equipo de Goberno e parte da corporación local, rogoulle a San Roque pola “pronta normalización e recuperación” da súa “Venezuela querida”. Un acto no que tamén interviu o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo que pediu “pola paz, pola convivencia harmónica de todas e todos para que esta se traduza en concordia e prosperidade nos fogares, na rúa e nas institucións”. No seu discurso tamén renegou “da violencia en todas as súas manifestacións, especialmente a que se exerce contra mulleres e nenos”.
     Tras a misa unha grande comitiva, ao son da Banda de Música de Ordes, desprazouse ata o monumento ao emigrante onde se levou a cabo a tradicional ofrenda floral. Tras isto tivo lugar un viño español ao que acudiu numeroso público para, posteriormente, disfrutar do concerto da banda de música local e da orquestra Principal. De cara a esta noite agárdase con ansia a actuación do Combo Dominicano, que seguro perpetuará a festa e a diversión ata ben entrada a madrugada.
     III Festival Sons de Ordes porá mañá sábado o punto e final ás festas patronais deste ano. Susana Seivane e a Orquestra Mondragón con Javier Gurruchaga, ás 22.30 e 0.30 horas respectivamente, serán os encargados de poñer o broche de ouro a unhas celebracións que serán recordadas pola grandísima afluencia de público congregado.
 

O pobo de Ordes mantén viva a memoria da emigración  nas súas festas patronais