Audio do pleno

Celebrado esta mañá, entre outros puntos acordáronse as retribucións dos edís e do alcalde establecéndose unha dedicación exclusiva e tres parciais. Tamén se aprobaron os importes por asistencia a órganos colexiados, a dos grupos políticos ou as periodicidades das sesións que pasarán a ter lugar os últimos xoves de mes

Esta mañá celebrouse o primeiro pleno coa nova corporación municipal do Concello de Ordes. Unha sesión na que se aprobou a nova periodicidade das sesións plenarias, as cales quedaron fixadas para os últimos xoves de cada mes ás 19.30 horas. No caso de que a xornada fose inhábil esta tería lugar o xoves anterior. Un acordo que non foi ratificado pola oposición ao non aceptarse o cambio horario solicitado para as 20 ou 20.30 horas.  

     Todo o contrario sucedeu co seguinte punto da orde do día que establecía a creación e composición das comisións informativas permanentes e do consello da radio municipal. Por unanimidade (9 votos grupo do Goberno, 1 BNG xa que dous edís non puideron acudir hoxe, 2 PSOE, 3 UxO) aceptouse a constitución das comisións de Contas, Facenda e Persoal; Obras e Urbanismo; e Asuntos xerais do pleno. A súa composición será dun representante por cada grupo político aplicándose o sistema de voto ponderado e estando presididas polo alcalde ou ben un edil previa delegación. 

     Un dos maiores puntos de debate deste día foi o referente ás retribucións por dedicacións exclusivas ou parciais. José Luis Martínez Sanjurjo, rexedor e única figura con exclusividade laboral de todo o seu equipo, recibirá unha remuneración líquida de 2.503,93 euros mensuais (49.700 € brutos/ano en 14 pagas). Por outra banda os edís Abel Blanco Viqueira e José Antonio Cabeza Fraga percibirán 992,43 euros (17.920 € brutos/ano en 14 pagas) por unha dedicación parcial de 20 horas semanais, mentres que Susana García Gómez pasará a cobrar 1.450,24 euros (26.880 € brutos/ano en 14 pagas) por outra de 30 horas. Cada un dos grupos pediu explicacións do motivo polo incremento salarial do alcalde en arredor de 8.400 € brutos. Entre outros argumentos Martínez Sanjurjo fixo unha comparativa no gasto en soldos realizado polos anteriores gobernos de UxO e PSOE “e que deixa claro que proporcionalmente e a pesar de que xa transcorreron moitos anos, co que que iso supón de incremento na vida, este goberno sáelle máis barato a Ordes”.

     Seguindo coas contías económicas tamén quedaron aprobadas o importe das asistencias a órganos colexiados propostas polo grupo de goberno. Así quedaron establecidas en 150 euros a dos plenos, en 240 euros as da Xunta de Goberno Local e en 120 euros tanto as da emisora municipal como as informativas. In situ e improvisadamente decidiuse rebaixar as das xuntas de voceiros de 120 a 60 euros. As votacións neste punto reflexaron a negativa do BNG e UxO e a abstención do PSOE.

     Por outra banda no que respecta á dotación dos grupos políticos da corporación en termos económicos o compoñente fixo sitúase en 350 euros mensuais e o variable, en función do número de membros de cada grupo, en 120 euros ao mes por cada concelleiro. Neste caso todas as forzas políticas votaron a favor da medida.
   
     No que se refire á delegación de competencias da Xunta de Goberno Local a oposición volveu a rexeitar o plantexamento do grupo gobernante. Entre os cometidos máis destacados desta figuran o desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado dispoñendo gastos dentro dos límites da súa competencia; aprobación da oferta de emprego público e cadro de persoal; aprobación de instrumentos para o desenvolvemento do planeamento, así como os de xestión urbanística e proxectos de urbanización, sempre que non sexan competencia do Pleno; outorgamento de licenzas; protección da legalidade urbanística; ditar ordes de execución; procedementos sancionadores etc.

Primeiro pleno da nova corporación de Ordes

Composición
Finalmente o alcalde informou da composición e distribución das concellerías, as cales quedarán distribuídas e representadas do seguinte xeito:

  • Ana María Soneira Liñares (1ª tenente de alcalde), Medio Ambiente e Deportes;
  • Xosé Manuel Mira Gómez (2º tenente de alcalde), Servizos e Mantemento;
  • Xosé Manuel Rodríguez Méndez (3º tenente de alcalde), Medio Rural, Relacións Veciñais e Parques e xardíns;
  • Pablo Vázquez Candal (4º tenente de alcalde), Exposicións, Eventos e Feiras e mercados;
  • Yessica López Varela, Economía (5ª tenente de alcalde), Comercio, Industria e Turismo;
  • Abel Blanco Viqueira, Cultura, Mocidade e Voluntariado;
  • Susana García Gómez, Política Social, Igualdade, Educación e Traballo;
  • José Antonio Cabeza Fraga, Obras e infraestruturas.

     Ademais, resolveuse designar como membros da Xunta de Goberno Local aos edís Ana Soneira Liñares, Xosé Manuel Mira Gómez, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, Pablo Vázquez Candal e Yessica López Varela, sendo todos eles escollidos tamén como tenentes de alcalde.