Acompañado de José Luis Martínez Sanjurjo visitou esta mañá unha empresa local que recibiu tal axuda para a adquisición dunha carretilla elevadora. As persoas interesadas terán ata o 2 de agosto para presentar as súas solicitudes 

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, acompañou esta mañá ao delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, na súa visita á empresa de mercancías Javier Vilariño Couselo. O motivo da súa presenza nas instalacións situadas no municipio ordense foi comprobar de primeira man os beneficios e ventaxas do Bono Autónomo da comarca de Santiago, que dita empresa recibiu e co que se contribuíu na adquisición dunha carretilla elevadora de 2.5 toneladas para a recollida de vehículos accidentados ou avariados.

     Segundo datos da comarca no ano pasado recibiron esta axuda 109 persoas, o que se traduce nunhas achegas totais de máis de 248.000 euros. Ovidio Rodeiro destacou en relación co Bono Autónomo, que “a Xunta vén de aprobar por terceiro ano consecutivo con axudas de ata 3.000 euros para apoiar servizos e investimentos encamiñados á mellora da competitividade empresarial ou profesional dos traballadores por conta propia que contan cunha antigüidade superior aos 42 meses”. 

     As persoas que queiran solicitar estas axudas poderán facelo ata o próximo 2 de agosto. Con isto a Xunta prevé beneficiar a 1.300 traballadores e traballadoras grazas aos catro millóns de euros destinados a tal fin. Preténdese así, por unha banda, o desenvolvemento de servizos destinados á investigación de mercado e plans de marketing, comunicación, estratexia, crecemento, refinanceamento ou reorientación do negocio. Por outro se atenderá os dirixidos ao uso das novas tecnoloxías. Tamén se poderán aprobar liñas de axuda para outros estudos ou plans para incrementar a competitividade ou relacionados coa compra de maquinaria, ferramentas, equipos informáticos ou rótulos; coa reforma do local; a posta en marcha de aplicacións informáticas e páxinas web ou a creación de logotipos do negocio ou mobiliario. O Bono Autónomo forma parte da Estratexia Autónomo 2020.

Ovidio Rodeiro comproba en Ordes os beneficios e vantaxes do Bono Autónomo