spacer
O presidente da Xunta de Galicia inaugura o novo albergue de Poulo

Ao pé do Camiño Inglés a rehabilitación da construción, a antiga casa reitoral, supuxo un investimento de 537.000 euros

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, inaugurou esta mañá o novo albergue de peregrinos de Poulo. O acto tamén estivo encabezado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. Entre as numerosas autoridades e representantes que acudiron non faltou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; a directora de Turismo de Galicia, María Nava Castro; o presidente da Mancomunidade de Ordes, Roberto Rey; o equipo do Goberno local ao completo e demais membros da corporación; ou don Víctor Maroño, vicario xeral do Arcebispado de Santiago.
     O novo albergue ten capacidade para algo máis de 40 persoas, estando adaptado tamén para usuarios e usuarias con mobilidade reducida. O investimento ascendeu a 537.000 euros, sumándose deste xeito aos outros 70 establecementos da rede autonómica e contribuíndo á rede de infraestruturas de cara ao Xacobeo 2021. 
     O inmoble no que se levou a cabo a rehabilitación foi orixinariamente a casa reitoral de Poulo e está situado ao pé do Camiño Inglés. Grazas ao acordo asinado entre o Concello de Ordes e o Arcebispado de Santiago de Compostela poderase destinar a albergue público durante un período de 30 anos.  A propiedade inclúe tamén terreos lindeiros de 182 e 5.500 metros cadrados. A construción divídese en dúas alturas e presenta elementos orixinais como a lareira e paredes de pedra, os cales se procuraron respectar, ao igual que a súa policromía.
“Fenómeno internacional”
No seu discurso o presidente da Xunta de Galicia recordou que o Camiño de Santiago pasa polo seu mellor momento, cunha cifra de peregrinos que medra case un 13% con respecto ao pasado ano, cando se alcanzou o récord con preto de 330.000. “O Camiño xa é ademais un fenómeno internacional, cun 66% dos peregrinos procedentes de case 180 nacionalidades e case a metade de rutas alternativas ao Camiño Francés, destacando o Portugués”, resaltando tamén a aposta pola conservación do patrimonio cultural.
     Feijóo concluíu aseverando que Galicia vai no bo camiño para conseguir esta meta, cun balance no primeiro cuadrimestre de 31.000 viaxeiros máis que o pasado ano.
     Pola súa banda, o alcalde de Ordes agradeceu o “compromiso e a palabra do presidente Feijoo con Ordes”. Como exemplo citou “a estrada de Mercurín que une Ordes e Cerceda, e o albergue que hoxe inauguramos”. Un agradecemento do que o rexedor fixo tamén partícipe ao Arcebispado de Santiago “que de contado respondeu afirmativamente á proposta do Concello para ceder a reitoral de Poulo para o novo cometido que terá a partir de agora”. Martínez Sanjurjo valorou moi positivamente “o Plan Director e Estratéxico dos Camiños de Santiago impulsado pola Xunta, e no que o Camiño Inglés ten depositadas grandes esperanzas, ao tempo que resulta de xustiza recoñecer a implicación da Igrexa”.
     O alcalde anunciou o inmediato comezo dos traballos de construción da nova senda peonil “que unirá o novo albergue coa vila de Ordes”, e que segundo o proxecto inicial contará tamén con carril bici. Un proxecto no que a Xunta de Galicia ten previsto un investimento de arredor de 600.000 €. Grazas a todo isto, José Luis Martínez Sanjurjo está seguro de que “por fin o concello de Ordes terá o protagonismo e a relevancia que merece no trazado do Camiño Inglés”, ademais de tratarse dun “importante punto forte para a economía da vila e dos establecementos que se sitúan no trazado do Camiño”.

O presidente da Xunta de Galicia inaugura o novo albergue de Poulo