Terá lugar o vindeiro Venres Santo a partir das 21 horas. Se as condicións meteorolóxicas o permiten os pasos transcorrerán polas rúas Rosalía de Castro, Lagartos, O Recreo, Mediodía e Alfonso Senra

Continúan os actos litúrxicos da Semana Santa na igrexa de Santa María de Ordes e como cada ano o Venres Santo será a xornada máis destacada. 

     A partir das 10.30 horas comezarán as quendas de candea e as confesións, para dar paso á celebración e o rezo do viacrucis ás 12 horas, mentres que a misa solemne pola morte de Xesucristo oficiarase ás 17 horas.  Xa a partir das 21 horas iniciarase o percorrido da procesión da Nosa Señora das Dores e da Soidade e do Cristo xacente. O percorrido de case dúas horas transcorrerá polas rúas Rosalía de Castro, Lagartos, O Recreo, Mediodía e Alfonso Senra ata chegar novamente á igrexa de Santa María de Ordes. 

     Trátase da procesión máis importante de toda a comarca na que máis de cen persoas portan as imaxes ou ben participan como figurantes. Entre os elementos que non faltarán estarán o estandarte da confraría, a Cruz do Calvario, a coroa de espiños, os cravos, o martelo, o látego, a corda, e outra serie de elementos que simbolizan a matanza e o sufrimento de Cristo. Durante a procesión participará a Banda de Música de Ordes. 

Máis de 300 confrades
Máis de 300 persoas conforman a confraría de Nosa Señora das Dores e da Soidade, un número que cada ano se ve incrementado por veciñanza e devotos de todas as idades. Aínda que a súa actividade se remonta ao ano 1993 non foi ata 1995 cando se constituíu oficialmente.

Xa no Sábado Santo a partir das 21 horas haberá unha solemne vixilia pascual.