A parcela na que se propón a súa construción está catalogada como solo especial de protección agropecuaria

O polémico vertedoiro de residuos non perigosos de Lesta promovido Reciclaje Amiental Lesta S.L. conta cunha traba máis para a súa construción. Medio Rural considera a parcela onde se propón o dito proxecto como solo rústico de especial protección agropecuaria. O informe foi solicitado polo Concello de Ordes a petición da Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Residuos non Perigosos de Lesta. 

     Dito documento foi remitido hai escasos días á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, concretamente á dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático co fin de arquivar e rematar definitivamente coa tramitación do dito proxecto. Con todo isto, dende o Departamento de Servizos Urbanísticos do Concello de Ordes infórmase que as instalacións do vertedoiro son incompatibles co planeamento e demais disposicións legais relacionadas con este.

     Ao tratarse dun solo rústico de especial protección agraria segundo a Xunta de Galicia “todas as reestruturacións parcelarias da zona, con clara vocación agropecuaria, deben responder a unha ampliación ou actualización das instalacións agropecuarias existentes”. Tal e como foi redactado o proxecto este suporía un incremento de tráfico rodado o que, xunto cos ruídos xerados pola propia actividade, prexudicaría o habitual desenvolvemento da actividade agraria e gandeira da zona”. 
     
     Como parcela con vocación agraria esta foi sometida ao proceso de reestruturación (concentración parcelaria San Andrés de Lesta. 1993)  para mellorar a súa viabilidade técnica, económica e social. Os obxectivos desta medida pasan polo incremento da área coa mobilización dos predios, ademais de garantir a utilización para uso agrario nos terreos onde se investiron importantes orzamentos. Así, segundo os datos do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, nas parroquias de Lesta e Mercurín atópanse inscritas 58 explotacións, das cales 26 teñen cualificación prioritaria.
     
     A maiores, e tendo en conta a normativa subsidiaria de planeamento municipal baixo o que se rexe o ordenamento do concello de Ordes, obsérvase que na dita parcela teñen o seu nacemento varias correntes de auga superficiais, polo que lle corresponderá o disposto na Lei do Solo de Galicia, ademais de atoparse dentro da zona de servidume aeroportuaria do aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela).

Rexeitado por Medio Rural o proxecto do vertedoiro de Lesta