Máis de 20 grupos folclóricos participarán este venres no VIII aniversario de Noites de Tasca
Os bares da vila acollerán actuacións, rematando cunha foliada popular no Campo da Feira. Non faltarán obradoiros e actividades relacionadas coa música tradicional abertas ao público.
Un ano máis a vila de Ordes converterase nunha gran romaría e foliada chea de sons tradicionais, grazas á celebración dun novo aniversario das Noites de Tasca. A actividade musical creada e organizada pola Asociación Grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes cumpre oito anos. Para conmemoralo o vindeiro venres, 17 de xuño, está previsto un programa cheo de actos e citas nas que toda a veciñanza terá cabida.
A primeira das citas está posta para as 18 horas no Campo da Feira. Alí o artesán musical Oli Xirádez levará a cabo 'Enredos Musicais', un obradoiro artesán familiar no que se ensinará como construír instrumentos tradicionais. Ademais tamén haberá postos de artesanía. Ás 20 horas a Alameda acollerá outro obradoiro de música e baile galego a cargo de Sementes da Arte. Juan Pena e Beatriz García serán os responsables de levalo a cabo e nel poderán participar todas as persoas que o desexen.
Xa a partir das 21.30 horas os bares e establecementos da zona servirán de escenario para os máis de 20 grupos que participarán da celebración. Será a iso das 23.30 horas cando todos eles se xunten no Campo da Feira para facer unha gran foliada que porá o punto e final a esta xornada.
Amplo elenco
Os grupos e formacións que participan este ano son: Gaiteiros de Buxantes (Dumbría), Sarillo de Aiazo (Frades), Escola de Música e Baile Tradicional de Mesía, A.F. Ancoradoira (Culleredo), San Martiño de Cerceda, Pana Raiada (Santiago), Sementes da Arte (Ordes), Somos Nós (Ordes), Santiaguiños de Boimorto, Acordeonistas de Sigüeiro, Millo Verde (Cambre), Folque Ruada (Cerceda), Trouleiros de Lesta (Ordes), Nela (Taramundi), Modesto Arias & Amigos (A Fonsagrada), Os Xeitosos de Trazo, Alén do Mar (Bergondo), Faíscas da Pontraga (Tordoia), Tombalobos Orquestra (A Coruña), Camiño Real de Poulo (Ordes), Os do Xalo (Carral), Os larpeiros de Altamira (Cambre), Pandeireteiras das Encrobas, Son D'Aquí (A Coruña) e Os Viqueiras de Ordes. Todos eles ofrecerán o mellor do seu repertorio nos seguintes establecementos: Adega A Barrica, Black & White, Castro, Correos, Doniña, El Puente, Nogallás, Corzo, Orellas, O Mercado, San Bernardo, San Roque, Birroteca Soul Food, O Cárcere, O 27, PJ, Feitizo, O Sótano, Zentrum, A Bolera e Abacco.
Un ano máis o Concello de Ordes, a Mancomunidade de Ordes, a Federación de Grupos de Música e Baile Tradicional da Comarca de Ordes e Esymar colaboran na posta en marcha desta iniciativa cultural.