spacer
A maxia de Melchor, Gaspar e Baltasar inunda as rúas de Ordes

Milleiros de persoas participan na cabalgata dos Reis Magos, que de mans da alcaldesa en funcións recibiron a chave da cidade para facilitarlles o reparto de agasallos desta noite.

Como cada 5 de xaneiro a maxia e a ilusión dos Reis Magos inundaron as rúas de Ordes. Milleiros de persoas foron testemuñas do percorrido que realizaron ao longo da avenida Alfonso Senra ata chegar á alameda. Un traxecto no que estiveron acompañados en todo momento por unha longuísima comitiva de 100 persoas entre paxes, personaxes de fantasía, pastorciños e pastorciñas etc. 

     Abrindo camiño unha impresionante locomotora, que co silbato e a súa campana ía avisando da chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar que este ano escolleron un autobús de época para facer as súa entrada triunfal na vila ordense. Ao longo de todo o traxecto non deixaron de repartir caramelos e doces. Tal foi a expectación e o recibimento ofrecido por parte de veciños e veciñas que en máis dunha ocasión houbo que improvisar paradas para que baixaran do autobús e saudarán persoalmente ao público congregado nas beirarrúas. 

     Unha vez chegados á escalinata do antigo consistorio a alcaldesa en funcións, Ana Soneira, fíxolles entrega da chave da cidade. Ao seu carón atopábanse tamén os demais integrantes do equipo do Goberno local ao completo.  

     Inmediatamente despois dirixíronse aos tronos reais, os cales quedaron instalados na carpa situada na mesma alameda. Un a un os nenos e nenas tiveron a oportunidade de parolar un anaco coas SSMM en persoa. Alí mesmo recibiron o seu primeiro agasallo, un lote de doces e lambetadas. A charanga infantil Os Músicos de Bremen, encargouse de animar este momento cos seus instrumentos e composicións. 
     
     En prol da seguridade o Concello habilitou un dispositivo de seguridade especial  no que interviñeron tanto axentes da Policía Local como de Protección Civil e bombeiros. Dende as 16.30 ata as 22 horas aproximadamente cerrouse o tráfico rodado na N-550, indicándose os desvíos habilitados tanto en dirección Santiago como á Coruña por parte da Policía Local.

A maxia de Melchor, Gaspar e Baltasar inunda as rúas de Ordes