Un ano máis Melchor, Gaspar e Baltasar enchen as rúas de Ordes de maxia e ilusión

As súas maxestades atenderán persoalmente a todo os nenos e nenas na alameda, onde se instalarán os tronos reais baixo unha gran carpa.

A ilusión dos Reis Magos fai parada en Ordes un ano máis. Como de costume o Concello de Ordes ten preparada unha gran cabalgata para todos os nenos e nenas, repleta de sorpresas, personaxes de fantasía e animacións. 

    Nesta ocasión Melchor, Gaspar e Baltasar empregarán un autobús do máis especial para o seu desprazamento. O percorrido partirá da Rúa Alfonso Senra (enfrente a REYCA) ás 17 horas e transitará por Alfonso Senra ata chegar á alameda. Alí serán recibidos pola alcaldesa en funcións, Ana Soneira, e os demais membros do equipo do Goberno local. Será o momento non que se lle faga entrega das chaves da cidade para que esa noite as súas maxestades poidan entregar en cada fogar de Ordes e da parroquias os miles de regalos que teñen preparados.

     Posteriormente dirixiranse á gran carpa situada a poucos metros, onde quedarán colocados os tronos reais nos que as súas maxestades recibirán a cada neno ou nena. Unha ocasión idónea para recordarlles  agasallos solicitados e deixar constancia do bo comportamento ao longo do ano. 

     Como manda a tradición repartiranse doces e caramelos entre todas as persoas asistentes (aptos para celíacas). Ademais o Concello de Ordes conta coa colaboración dos Músicos de Bremen, charanga infantil que animará os momentos de espera aos pequenos, pequenas e persoas adultas. 

     O Concello ten preparado un dispositivo de seguridade especial, no cal intervirán tanto axentes da Policía Local como de Protección Civil. Ademais dende as 16 ata as 21 horas cerrarase ao tráfico rodado a N-550 ao seu paso pola vila, indicándose os desvíos habilitados tanto en dirección Santiago como á Coruña. Tamén haberá variacións nas rúas mencionadas anteriormente durante o paso da cabalgata.

CABALGATA DE REIS 2018