spacer
O Concello de Ordes e empresarios locais analizan o aumento de solo industrial  no municipio

Entre os puntos que se abordaron na xuntanza mantida destacaron a reactivación da asociación empresarial, a ampliación do polígono de Merelle e a construción do de Pardiñas. Tanto Martínez Sanjurjo como o xefe territorial de Economía da Xunta e o presidente de AJE-Galicia insistiron na importancia de contar con solicitudes de demanda deste tipo de áreas para poder beneficiarse das achegas institucionais

O Concello de Ordes e un nutrido grupo de empresarios locais mantiveron hai escasas horas unha xuntanza de traballo. Un encontro que contou coa presenza da alcaldesa en funcións, Ana Soneira; a do concelleiro de Industria, José Manuel Rodríguez; ademais de José Luis Martínez Sanjurjo. Por parte da Xunta de Galicia acudiu o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez. Por último tamén interveu José Antonio Redondo, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE-Galicia).

     A dita reunión está considerada de grande importancia por parte do Concello “xa que se está xogando moito no que se refire ao futuro da economía local e da actividade empresarial e o seu desenvolvemento nas vindeiras décadas” en palabras de  Martínez Sanjurjo. O seu argumento para acadar satisfactoriamente ditos obxectivos baséase na reactivación da Asociación de Empresarios de Ordes e na ampliación e construción dos polígonos empresariais de Merelle e Pardiñas respectivamente.

Nova sede oficial
Para o primeiro punto ofreceulle a colaboración do concello en distintas cuestións. “Hai que ter en conta que á hora de negociar con outras administracións sempre é mellor ir de forma conxunta que individualmente” destacaron tanto o xefe territorial da Xunta como o presidente de AJE-Galicia. Para facilitar esta unión e o desenvolvemento da súa actividade “como organización eficaz e ben xestionada” Martínez Sanjurjo brindoulles a oportunidade de poder utilizar como sede oficial o antigo centro comarcal (pechado ao público dende hai varios anos) “baixo as mellores condicións que vos poidamos ofrecer”. Lembroulles “a posibilidade de poder obter ingresos co aluguer do servizo de cafetería”, así como a redución de gastos “no caso de levar a cabo pequenas intervencións en prol da eficiencia enerxética”. Para concretar este e outros aspectos este próximo sábado, 10 de novembro, ás 13 horas, no mesmo inmoble, haberá unha xuntanza para os empresarios e empresarias que queiran acudir.

     No que se refire á ampliación da superficie do polígono industrial de Merelle esta sitúase en máis de 200.000 metros cadrados, que se sumarían aos preto de 164.000 actuais. José Luis Martínez supeditou este proxecto á aprobación do PXOM, “que confío estea para o 2021, polo que poderiamos ter rematadas as obras en 2024 aproximadamente”. Un proxecto de vital importancia se se ten en conta que a día de hoxe Ordes carece de solo público industrial tras a recente adquisición da última parcela libre do polígono. Chegados a este punto non tivo reparo en compartir con todos os presentes exemplos reais de “empresas que tiveron que descartar instalarse en Ordes” por este motivo. 

O Concello de Ordes e empresarios locais analizan o aumento de solo industrial  no municipio

Plan sectorial
Ademais de para o de Merelle, tamén destacou a importancia do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia na futura construción do polígono de Pardiñas, que contaría cunha superficie de 459.000 metros cadrados. No caso de ambos destacouse “a súa excelente situación xeográfica como un dos máximos atractivos para calquera empresario ou empresaria”, segundo José Luis Martínez. “As distancias con cidades e capitais de provincia, a proximidade dos tres aeroportos e dos portos exteriores da Coruña e Vigo, así como das principais vías de comunicación como a N-550, AP9 e A6 fan de Ordes un lugar único”.

Tamén se sinalaron otras ventaxes do dito plan para a mellora dos polígonos como cuestións relacionadas co tratamento de residuos e depuración de augas, infraestruturas viarias e accesos, sistemas de seguridade e vixilancia, sistemas contra roubo de cable ou de protección contra incendios entre outros. En termos económicos físoxe alusión ao investimento de 65.000 € (80% financiado pola Xunta) para o acceso leste do polígono de Merelle. Tamén á posibilidade de beneficiarse doutras achegas por un valor próximo aos 119.000 €, entre outras. “Unhas achegas ás que sería máis fácil optar a través da xustificación da demanda de solo por parte do tecido empresarial e industrial de Ordes”, tal e como indicaron Martínez Sanjurjo e o  xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez, quenes tamén insistiron na falta de compromiso e no risco cero que supón a sinatura desta declaración de intencións.