O orzamento da obra ascende a preto de 61.500 €. Colocarase unha nova pavimentación ao longo de máis de 1.000 metros de superficie e a construción do sistema de recollida de pluviais  

O Concello de Ordes está a realizar as obras de humanización no cemiterio municipal do Piñeiro. O orzamento xeral para esta obra ascende a preto de 61.500 €, cantidade que será aboada con parte do remanente de 2017.

     Trátase dunha serie de actuacións encamiñadas a mellorar o seu contorno, entre as que se contempla a pavimentación con formigón de 1.020 metros cadrados de superficie, ademais da colocación de enlousado de granito moreno desescuadrado e un bordo de formigón prefabricado. Previamente realizarase o debido acondicionamento, nivelación e rasanteo da área.

     O proxecto inclúe a instalación do sistema de recollida de pluviais a través dunha canalización de 255 metros mediante tubaxe de PVC. Colocaranse máis de 15 arquetas e construiranse dous pozos con  sumidoiros previamente á escavación da gabia e do posterior recheo compactado desta. Ademais tamén se instalará unha nova porta de aceiro inoxidable e un escudo municipal realizado en pedra.

     A estimación é que esta primeira fase (60% do total da obra) estea finalizada para o vindeiro 1 de novembro, data na que se celebra a homenaxe ao soldado Lois no mesmo cemiterio. O remate final de toda a intervención prevese para finais de novembro.

O Concello de Ordes inicia as obras de humanización do cemiterio municipal do Piñeiro