spacer
Ethel Vázquez, Ovidio Rodeiro e José Luis Martínez Sanjurjo  supervisan o remate das obras da estrada de Mercurín

A Xunta de Galicia investiu preto de 2,3 millóns de euros de cara ao reforzo da seguridade viaria e a mobilidade de veciñanza e persoas usuarias. 
Esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, visitaron as obras de ampliación e mellora da estrada que une os municipios de Ordes e Cerceda recentemente finalizadas. Un encontro ao que tamén se sumaron Ana Soneira e José Manuel Rodríguez, edís de Medio Rural e Industria respectivamente.
    O investimento da Xunta nesta “ambiciosa actuación que muda por completo a imaxe desta estrada”, en palabras da conselleira, ascende a preto de 2.330.000  euros. Entre outros, ademais dos labores de ampliación e da aplicación da capa de firme intermedia, tamén se acometeron melloras en interseccións e construíronse cunetas de seguridade.
     Ethel Vázquez subliñou que “se trata dunha infraestrutura clave para os municipios de Ordes e de Cerceda pola que transita un elevado volume de tráfico pesado. Múdase así por completo unha estrada pola que circulan arredor de 2.500 vehículos ao día por dar acceso ao parque empresarial de Cerceda e a Sogama”. A conselleira salientou tamén que “as obras executadas de ensanche e acondicionamento da vía ao longo de 7 km permiten acadar un ancho máis adaptado ás necesidades de mobilidade da zona” ademais de salientar o ensanche da calzada ata os 9 metros para ampliar os carrís e beiravías nas dúas marxes, a mellora das interseccións, a habilitación de carrís de aceleración e desaceleración, a construción de semiglorietas que facilitan os xiros e unha rotonda no acceso ás instalacións de Sogama para que os movementos se realicen coas máximas garantías de seguridade.  Avanzou tamén que a día de hoxe se segue a traballar no reforzo da seguridade viaria nas estradas autonómicas ao seu paso polo concello, concretamente para favorecer os desprazamentos de veciños e veciñas, persoal de Sogama ou visitantes do parque acuático de Cerceda. Ademais anticipou  investimentos por máis de 1 millón de euros na mellora do firme da AC-413 e na AC-524, así como noutras estradas na zona, que beneficiarán tamén aos municipios de Cerceda, Tordoia, Mesía ou Frades.

     Pola súa banda o alcalde de Ordes agradeceu non só o investimento levado a cabo “nesta vía tan importante para o noso municipio e para o noso parque empresarial” senón tamén pola celeridade na que se realizou esta obra tan necesaria e tan demandada pola nosa veciñanza”. Unha intervención que foi posible grazas a que a Xunta de Galicia asumiu no seu día a titularidade desta estrada, que en total suma máis de 8 quilómetros de lonxitude.

     Por outra banda, e en relación coa solicitude que Martínez Sanjurjo formulara para a construción dunha senda peonil na AC-524 que chegue ata o futuro albergue de peregrinos de Poulo, esta mañá puido escoitar en boca da conselleira a consideración por parte do seu departamento e os avances que se levan realizado neste proxecto.
 

Ethel Vázquez, Ovidio Rodeiro e José Luis Martínez Sanjurjo  supervisan o remate das obras da estrada de Mercurín