spacer
Ordes dedícalle o día de San Roque aos emigrantes

 As festas patronais viven a súa terceira xornada. Francisco del Río e Carmen Álvarez representaron á diáspora galega nos distintos actos levados a cabo na súa honra. Palabras do alcalde en recoñecemento ao labor de moitas e moitos “inmigrantes que asentaron fai tempo na nosa terra”

Ordes continúa de festa. Por terceiro día consecutivo veciñanza e visitantes seguen a desfrutar e a divertirse cun programa no que non falta de nada para satisfacer todas as preferencias e gustos. 

Como cada ano o día de 
San Roque está especialmente dedicado aos emigrantes galegos. Este ano o veciño de Pereira Francisco del Río e a súa dona, de Gondomar, Carmen Álvarez, emigrantes no Reino Unido durante mais de 30 anos, foron os encargados de encabezar os actos en nome de todas e todos eles. A xornada arrancou coa misa solemne na igrexa de Santa María onde ademais dun bo número de veciños, veciñas, amigos e familiares de ambos, tamén acudiu unha ampla representación do Concello de Ordes. José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde do municipio, estivo arroupado por todos os membros do seu equipo. Non faltaron tampouco outros integrantes da oposición.

     Na súa ofrenda a San Roque Francisco del Río tivo palabras de ánimo e apoio aos representantes tanto do Concello, como aos autonómicos e aos do Estado “para acadar as solucións máis favorables para a cidadanía”. Tamén se lembrou da xuventude á que aconsellou non “torcerse en curvas perigosas das que despois é difícil saír”, así como de todos aqueles emigrantes “que un día abandonaron o seu fogar na procura dun mellor futuro e de prosperidade para as súas familias”. 

36 anos de tradición
Con este son xa 36 anos os que se ven levando a cabo a tradición de que tal día como hoxe, Día do Emigrante, dende o altar maior da igrexa de Santa María o alcalde se dirixa ao pobo de Ordes. Nesta ocasión tivo palabras de lembranza para aqueles e aquelas que emigraron e que “fundaron familias e negocios e contribuíron co seu esforzo á prosperidade de países enteiros”. Martínez Sanjurjo calificonos como “exemplo de honradez e de laboriosidade” e aludiu á situación “de moitas e moitos galegos residentes en Venezuela”. Tamén fixo referencia a Ramón Cabanillas como o mellor poeta “para plasmar o sentimento que a terra suscita nos seus fillos”. A colación calificou a Galicia actual como “froito do esforzo de todas e todos, dos seus fillos emigrantes e tamén dos inmigrantes que asentaron fai tempo na nosa terra”. O rexedor tamén fixo fincapé na necesidade de ordenar as correntes migratorias fuxindo de cualquera tentación oportunista, de preservar as fronteiras e lexislacións así como do reto común e participativo de velar pola correcta integración dos migrantes na nosa sociedade”.

     Tras isto todos se desprazaron a pé ata o monumento erixido na memoria dos emigrantes galegos, situado a carón do Concello. Os poucos minutos do paseo estiveron ambientados pola Banda de Música de Ordes, que seguiu co seu repertorio mentres se depositaba un ramo de flores a pé do monumento. 

    Rematado o acto a música e a festa invadiron novamente o centro da vila coas actuacións da Banda de Música de Ordes e do grupo Acirema. Xa de cara á noite a música folk será o prato forte co III Festival Folk, que este ano conta con Leilía e A Roda.

     Para despedir as festas de Santa María mañá contarase coas orquestras Palladium e Ceniza. Como ao longo de todas estas xornadas o parque da Constitución acollerá unha ampla feira de artesanía con preto dunha vintena de postos. 

Ordes dedícalle o día de San Roque aos emigrantes